O Departamento de Cultura do Concello de Arzúa organiza para esta fin de semana dúas das actividades encadradas dentro da programación cultural do mes de outubro.
Por unha banda, o sábado, 10 de outubro, a Capela da Madanela acollerá unha actuación do XXVI Festival Internacional de Música de Pulso e Púa que organiza a agrupación musical Albéniz da Coruña coa que o Concello leva colaborando varios anos. Nesta edición Arzúa gozará, dende as oito da tarde, da música de corda a cargo do grupo Ensamble Mamo & Jouni Koskimäkï, procedentes de Finlandia. MaMo (Mandolin Mountain) foi fundada no ano 2007 e é a maior e máis vital orquestra finesa composta por mandolinas. O repertorio da orquestra é moi amplo e con gran variedade de estilos. Ademais de composicións orixinais, MaMo interpreta moitos clásicos da Mandolina como, por exemplo, composicións de Domenico e José Zambrano e outros clásicos de Back, Händel ou incluso The Beatles. Neste momento, a formación está composta por quince músicos e o director da orquestra é Jouni Koskimäki.
Na xornada do domingo, 11 de outubro, abrirase o telón do 9º Ciclo de Teatro no Outono co espectáculo ‘Brinca Vai! De aquí a acolá’ do artista Paco Nogueiras. A representación, dirixida a un público infantil e familiar, terá lugar na Casa da Cultura ás seis da tarde. É un espectáculo baseado no libro-cd-dvd “Brinca Vai!”, editado por Kalandraka Editora, no que se combinan cancións, animacións e interpretacións cos ritmos e rexistros máis divertidos.
O músico e actor Paco Nogueiras fará desfrutar ao público cos seus instrumentos e a súa querida ‘Máquina’ nunha divertidísima viaxe chea de humor, baile e cancións. A duración será de unha hora e a entrada libre.
O concelleiro da área municipal de Dinamización Cultural de Arzúa, Miguel Vallo, convida a todos os veciños e veciñas do municipio a participar “destas actividades que dan continuidade a unha ampla programación que dende o departamento desenvolvemos ao longo do ano e que, nesta ocasión, ofrecen un plan ameno e divertido para toda a familia ao longo do fin de semana”.

Ningún comentario:
Publicar un comentario