As festas do Apóstolo arrancarán hoxe venres co pregón desde os balcóns do pazo de Raxoi a cargo da futbolista
santiaguesa Verónica Boquete. Considerada unha das mellores xogadoras do fútbol
do mundo, Boquete dará o pistoletazo de saída a 15 días de actividades, todas
de balde, que compoñen un programa marcado por tres eixes: a diversidade, a
descentralización e a apertura.
Tras o pregón, ás 23:00 h, teremos
concerto na propia praza do Obradoiro con Jonh Nemeth & The Blue Dreamers e
a Fundación Tony Manero. Recentemente galardoado como Mellor Artista de Soul
Blues nos Blues Music Awards, John Németh protagoniza este primeiro concerto
das Festas do Apóstolo 2015, no que tamén a Fundación Toni Manero presentará o
seu novo disco, deste 2015, Superficial.
Máis información
Verónica Boquete
Verónica Boquete
naceu en Compostela no 1987 e na actualidade está considerada unha das mellores
xogadoras de fútbol feminino do mundo. Vén de gañar no pasado mes de maio a
UEFA Champions League co FCC Frankfurt e esta mesma semana anunciouse que está
nomeada, por terceiro ano, á Mellor Xogadora de Europa 2014/2015. Vive o seu
mellor momento profesional e recolle homenaxes fóra e tamén dentro da súa terra.
Boquete foi campioa
europea coa selección española sub-19 en 2004 e gañou varias Copas da Reina e
subcampionatos da Superliga co RCD Espanyol do 2009 ao 2011. Despois estivo nos
Estados Unidos, onde se proclamou campioa USL W-League no 2010 con Buffalo
Flash e subcampioa WPS co Philadelphia Independence no 2011. No 2013, e xa no
Tyresö FF acadou o subcampionato da Copa Sueca e o campionato da Liga Sueca. No
2013 coa Selección española chegou aos cuartos de final da UEFA e no 2014
quedou subcampioa da mesma competición co Tyressö. Por fin, como diciamos, foi
neste 2015 no que conseguiu chegar a campioa
da UEFA Champions League xa nas filas do Frankfurt.
A nivel persoal son
moitos tamén os premios acadados. No 2010 e 2011 foi a máxima goleadora da
Superliga e os mesmos anos levou o premio a Mellor xogadora (MPV) dos
campionatos nos que participaron os seus equipos. No 2012 foi nomeada Mellor
Mediocentro en Suecia e Mellor Deportista Galega. No 2013 os premios foron
Mellor deportista compostelá e UEFA Team Euro-2014 e no 2014 estivo nomeada a
Balón de Ouro. Ademais, estivo nomeada nos últimos tres anos a mellor xogadora
de Europa.
John Németh
Para moitos unha das
mellores voces de soul blues do mundo e un verdadeiro virtuoso da harmónica,
John Németh e fillo de inmigrantes húngaros cun sobranceiro talento natural que
creceu en Boise, Idaho. A súa carreira profesional comeza no 2000 xirando con Junior
Watson e en 2004 publica o seu debut discográfico en solitario, Come and get
it. Trasládase a California e asina un contrato con Blind Pig Records para
editar tres novos discos. O Philadephia Inquirer foi o primeiro medio que
incluíu a John Németh nunha lista de novos talentos do soul, xunto a nomes como
James Hunter, Eli “Paperboy” Reed e Sharon Jones. En 2013 trasládase a un dos
berces do soul e do blues, Memphis, e ficha por Blue Corn Music, selo de
American Roots que publica Memphis Grease, o sétimo álbum de John Németh que
con seguridade é un dos mellores discos deste xénero no que levamos de século.
JOHN NÉMETH voz / armónica
TRAVIS SWANSON guitarra / voz
MATHEW WILSON baixo / voz
DANNY BANKS batería / voz
Fundación Tony Manero
Eles foron os
culpables de revitalizar a escena funk e disco a finais dos 90, chegando mesmo
a colocar varios éxitos no Top 10, e prestixiando a música disco en castelán
como nunca antes se fixera en España. A banda regresa coa súa estrutura
orixinal, 10 músicos en escena, profusión de arranxos, sección de ventos, unha
potente e unha coidada até o último detalle presentación en directo.
O novo disco da
Fundación Tony Manero en 2015 chámase Superficial, e é unha reivindicación da
festa e a música como valores indispensables do ser humano, sen máis
pretensións que facer bailar. Este traballo leva de novo aos Manero ao son
disco dos 80, ao electro-funk, repleto de sintetizadores acedos, pianos
dixitais, caixas de ritmos, riffs de ventos secos e cortantes, mantendo o seu toque
persoal. Miguelito e Paquito Sex Machine seguen sendo os cantantes á fronte da
banda, imbatibles en calquera escenario.
Ningún comentario:
Publicar un comentario