O pleno municipal
de Oroso aprobou a emenda presentada pola Xunta de Galicia á
modificación puntual Nº 5 do PXOM de Oroso, enlace AP-9, que fóra aprobado
inicialmente pola corporación municipal o 26 de decembro de 2014. Unha emenda
ao apartado III da modificación que foi incluída e que será elevada á Xunta de
Galicia para a súa aprobación definitiva. Así mesmo, acordouse iniciar un
período de información pública do expediente durante dous meses. A proposta foi
aprobada cos 8 votos a favor de PSOE e BNG e cos 5 votos en contra do PP e
Anova.
O alcalde, Manuel
Mirás, explicou que “esta modificación do PXOM se fai para a AP-9, pois foi
unha petición expresa de Fomento. Hoxe non estamos legalizando nada, só
incluíndo unha emenda da Xunta para que compensemos a zona verde que había no
polígono e por onde vai pasar a AP-9. Buscamos outra zona verde e iso é o que
aprobamos hoxe aquí”.
Interese público
Sen embargo, tanto
PP como Anova basearon as súas intervencións nun suposto intento de
legalización das vivendas do Alto de Vilanova. Ambos insistiron en que a
modificación non é de interese público e mesmo o voceiro do PP, Alexánder
Doval, augurou que “o informe da Xunta volverá ser negativo”. Pola súa banda,
Siverio Mirás augurou que a ampliación da N-550 impedirá a construción de
beirarrúas na zona. Finalmente, Xosé M. Pérez (BNG) explicou o seu voto
favorable en: “que é de interese público é evidente. Non se pode facer política
de baixo nivel con estes temas”.
O alcalde Manuel
Mirás respondeulle a Siverio Mirás que “dende Vilanova ata a rotonda da N-550
vai haber unha beirarrúa, un semáforo e mesmo un paso de peóns”. Por iso dixo
non comprender por que PP e Anova pretenden “prexudicar aos veciños desta
maneira. Non sei se teñen algo en contra desas vivendas pero espero que isto
lles pase factura”. Neste sentido, Mirás lembrou que o informe da Xunta nada di
sobre esas vivendas e que a emenda que presentou só di que hai que compensar a
zona verde que se vai perder polas obras do enlace sur da AP-9. “Por moita
presión que faga, que sabemos que a estivo manipulando antes, espero que desta
vez o informe da Xunta estea antes nas mans do alcalde ou do secretario
municipal antes de que estea nas súas mans”, díxolle Mirás ao voceiro do PP.
Resto da orde do día
No que atinxe ao
resto da sesión, o pleno aprobou a compatibilidade do exercicio da actividade
privada de Manuel Mirás, como administrador de dúas empresas, co cargo de
alcalde con dedicación parcial xa que non incorre nos supostos previstos
legalmente para a incompatibilidade para os cargos electos. Unha proposta que
foi aprobada cos 6 votos a favor do PSOE, as 5 abstencións de PP e BNG, e o
voto en contra de Anova.
Finalmente, o
deslinde da finca da escola do Cachopal foi aprobado por unanimidade. O obxecto
desta actuación é a necesidade de fixar con precisión os lindes da leira, pois
non coinciden as cifras do Rexistro da Propiedade cos inventarios municipais.
Ningún comentario:
Publicar un comentario