O alcalde de Santiago, Martiño Noriega, e o director
de Estratexia e Desenvolvemento de Negocio Acciona Producciones y Diseño,
Javier Sánchez, presentaron en Raxoi os Fogos do
Apóstolo. Nesta edición, as proxeccións repartiranse entre a Catedral e o Pazo
de Raxoi, combinadas coa música e a pirotecnia para crear un espectáculo
envolvente.
Este ano, o fío
condutor será a celebración da declaración de Santiago de Compostela como
cidade Patrimonio da Humanidade, da que se cumpren 30 anos. A principal
novidade desta edición é que o espectáculo ocupará diferentes espazos da praza
do Obradoiro xerando unha sensación envolvente, xa que as proxeccións
multimedia mostraranse sobre as fachadas da Catedral e do Pazo de Raxoi.
Ademais, haberá diferentes xogos lumínicos e pirotécnicos noutros espazos da
praza, coma o Hostal e o Reitorado.
O espectáculo comporase de sete escenas a través das que se amosarán
tradicións arraigadas na cultura galega, elementos icónicos do Camiño de
Santiago, e percorreranse os lugares máis emblemáticos da cidade, que levaron a
que, hai 30 anos, a UNESCO declarase o casco histórico de Santiago de
Compostela como Patrimonio da Humanidade.
Será un espectáculo
multimedia no que se empregarán técnicas audiovisuais punteiras coma o warping (proxección de imaxes sobre edificios
aproveitando os seus relevos), efectos especiais, pirotecnia e música. Este ano, o
elemento humano cobrará maior importancia e formarán parte da posta en escena
un pernilongo que percorrerá a praza, unha banda de gaiteiros e outros músicos
que interpretarán en directo a banda sonora do espectáculo.
Esta edición dos
Fogos do Apóstolo terá carácter inmersivo, coa utilización, por primeira vez,
de varios espazos da praza do Obradoiro dende os que se combinarán proxeccións,
efectos lumínicos, xogos pirotécnicos e músicos reais que permitirán ao
espectador gozar dun escenario de maior amplitude e vivir unha experiencia en
360º. Dáse así unha solución ao problema que supoñen as obras de recuperación
da fachada de la Catedral, que obrigan a minimizar as proxeccións sobre a mesma
pola dificultade que entraña a lectura de imaxes sobre a estada.
Durante o espectáculo
alternarase o protagonismo do fogo e os elementos pirotécnicos con proxeccións
sobre as fachadas da praza, que exercerán como pantallas sobre as que emerxerán
efectos tridimensionais. Para iso, instalaranse 11 proxectores de vídeo de
22.000 lumens cada un, 36 proxectores móbiles de luz, 6 torres de son
envolvente cunha potencial total de 100.000 W e case 5.000 artefactos
pirotécnicos.
Pola súa banda Martiño Noriega explicaba non so os pormenores de ese día se non tamén como serán os actos do pregón, que dará Verónica Boquete, a recepción do día 24 e tamén os actos do día 25.
Ningún comentario:
Publicar un comentario