O alcalde, José Luis Martínez Sanjurjo, materializa o compromiso adquirido durante a campaña e reforza a atención ao público abrindo os despachos do Goberno un sábado ao mes para atender persoalmente as suxestións e consultas plantexadas polos veciños e veciñas
O alcalde de Ordes, José Luis Martínez Sanjurjo, atenderá o vindeiro sábado, 18 de xullo, de 10 a 13 horas, a todos os veciños e veciñas que desexen plantexarlle consultas ou ben expoñerlle algunha suxestión. O sábado de portas abertas do Goberno local foi un dos compromisos adquiridos polos populares na pasada campaña e foi incluído no seu programa electoral. Unha medida coa que se pretende “facilitar o contacto entre os veciños e veciñas co Concello e cos membros do goberno local, xa que non sempre é doado poder acudir ás dependencias municipais no horario establecido durante os días laborables”, explica o alcalde de Ordes. Aínda que non é imprescindible, quen o desexe poderá solicitar cita previa chamando ao teléfono 981680002 (ext. 2).
Tal e como foi comprometida cos veciños, a iniciativa xorde con vocación de continuidade e seguirase repetindo un sábado ao mes durante a lexislatura; e xorde para complementar e mellorar a atención ao público que se presta na Casa Consistorial en días laborables, de luns a venres. Deste xeito, ben o alcalde, ben algún dos concelleiros do equipo de Goberno, atenderán un sábado ao mes, nas dependencias municipais, ás persoas que teñan dificultades para desprazarse ao Concello durante a semana. A atención nos despachos reforzarase con visitas periódicas a cada unha das parroquias do Concello.
O traballo dos primeiros días
Por outra banda, o novo alcalde de Ordes afrontou os seus primeiros días no cargo tomando contacto co persoal municipal e poñéndose ao día en todo o relacionado coa xestión do Concello, especialmente no relacionado coa situación económico-financeira. Para isto contou co apoio dos diferentes departamentos municipais (Secretaría, Intervención e Tesourería, entre outros).
Ademais, tal e como manifestara José Luis Martínez Sanjurjo na sesión de investidura o pasado 3 de xullo “as portas da alcaldía permanecerán abertas para todas as persoas que se queiran achegar” ás dependencias municipais. Así moitos veciños e veciñas, membros de asociacións ou representantes de diferentes colectivos aceptaron o ofrecemento do rexedor e xa acudiron á Casa Consistorial para intercambiar impresións con Martínez Sanjurjo, que recibiu e atendeu persoalmente a todas as persoas que amosaron interese en ser recibidas.
Ningún comentario:
Publicar un comentario