Santiago - Fuoco e Cenere clausuran o Vía Stellae

A 10ª edición do Via Stellae chega hoxe ao seu fin cun concerto de Fuoco e Cenere ás 20.30 h no Teatro Principal. Organizado e promovido polo Concello de Santiago e pola Xunta de Galicia, o Via Stellae encheu de música Compostela, o seu casco histórico, durante máis de dúas semanas: o Teatro Principal e o Salón Teatro; as igrexas e capelas de San Fiz de Solovio, Universidade, Orde Terceira e San Domingos de Bonaval e localizacións singulares como o CGAC, o Hostal dos Reis Católicos e o Paraninfo da Universidade, foron os variados escenarios do festival. Un total de 19 concertos desde o 29 de xuño que chegan ao seu fin mañá, como indicábamos, cun concerto de Fuoco e Cenere. Este concerto ten un prezo de 6 euros e as entradas poden mercarse en entradas.abanca.com, no 902 434 443 ou no despacho de billetes do Teatro Principal que abre desde as 18.00 h.

Os actos heroicos de Judith e Esther (hai máis de 2.500 anos) inspiraron a grandes artistas durante séculos. Os seus rastros pódense seguir na pintura, no teatro e na música. Tras anos de fastos, ao final do reinado de Luís XIV, estas historias do Antigo Testamento cargadas de espiritualidade, desobediencia e devoción, símbolos do triunfo do débil sobre o forte, encontraron un caldo de cultivo favorable para a inspiración dramática de compositores como Sébastien de Brossard, Jean-Baptiste Moreau ou Elisabeth Jacquet de la Guerre. Fuoco e Cenere, ensemble liderado por un creativo e imaxinativo Jay Bernfeld, pecha a décima edición do Festival Via Stellae conectando música de onte, iconografía de hoxe (creada en directo polo ilustrador Fred Bayle) e historias eternas de loita contra a opresión coa súa innovadora presentación das heroínas Judith e Esther no programa ‘Judith e Esther... destinos divinos. Retratos en música e pincel’.
  
FUOCO E CENERE
Dende hai quince anos, Fuoco E Cenere, ensemble de instrumentos antigos, quere encher o teatro de sensacionais aventuras musicais e non deixa de cultivar a audacia nas súas eleccións de repertorio, sempre preocupados en ofrecer unha experiencia única ao espectador. Así, recentemente, buscou a maridaxe entre música e marionetas, entre música e alta cociña... Ser narradores de historias, traspasar as fronteiras da emoción, tanto instrumental como vocalmente, tales son os obxectivos que persegue Fuoco E Cenere. Laboratorio musical, Fuoco E Cenere transcende a forma orixinal das obras para transformalas e presentalas a través do seu propio filtro achegando unha luz orixinal sobre o repertorio. Catalizado polo amor ao canto do seu director Jay Bernfeld, Fuoco E Cenere ten o pracer de colaborar con algunhas coas máis belas voces de hoxe e mañá. As súas nove gravacións abranguen mil de anos de música. A primeira, Fantasy en Blue. Purcell meets Gershwin, foi denominado por Le Monde como un "verdadeiro knock-out". O seu disco de Le Dafne, obra mestra de Marco de Gagliano desgraciadamente pouco coñecida, recibiu un Orphée de Oro de L'Academie du Disque Lyrique e foi aclamado por unanimidade pola crítica internacional.

Jay Bernfeld director
Nacido en Nova York, realizou a súa aprendizaxe musical na rica vida cultural desta cidade. Tras estudar na Schola Cantorum Basiliensis, participou en gravacións e concertos con Hesperión XX e Jordi Savall, así como nas primeiras gravacións importantes de Les Arts Florissants e William Christie. Participou na gravación de trinta discos que recibiron o recoñecemento da crítica internacional. Jay Bernfeld dedicou moito esforzo para afondar na práctica do baixo continuo, instrumento clave do repertorio barroco. Está particularmente vinculado á música vocal dos séculos XVI e XVII, sobre todo co madrigal e a ópera, vocación que se reflicte na elección do repertorio de conxunto Fuoco E Cenere do que é director.

Julie Fioretti soprano
Nova soprano francesa de prometedora carreira, en 2013 recibiu o segundo premio no prestixioso Concurso Renata Tebaldi San Marino. Recentemente actuou na Royal Opéra de Versailles cantando a Iphgénia en Áulide de Gluck e o papel de Yum Yum nunha das escasas representacións realizadas en francés de Mikado de Gilbert & Sullivan. Coa compañía Opera Fuoco cantou o papel de Silvera en Zanaida, ópera de Johann Christian Bach que durante moito tempo creuse perdida. Colaboradora habitual de Fuoco E Cenere, ademais do seu traballo co grupo, participou como vedette en Complètement Toqué, celebración musical e teatral sobre a experiencia culinaria francesa.

Fred Bayle  ilustrador
Nacido en Puy en Velay, Frédéric Bayle deixou a súa Auvernia natal para realizar estudos de debuxo na escola Emile Cohl en Lyon. A continuación recibiu clases de ilustración en artes decorativas de Claude Lapointe en Estrasburgo, graduándose en 2003. Tras unha curta carreira na ilustración para nenos, decide realizar unha xubilación anticipada para volver de novo dez anos máis tarde aos lapis coa banda deseñada e a imaxe animada. Seleccionado por Deutsche Grammophon tras gañar un concurso de videos, realizou un clip de animación para a presentación do álbum Adiemus Colores de Karl Jenkins. Paralelamente ao debuxo, é no canto lírico e coral onde desenvolve a súa actividade participando en numerosos coros de Lyon (Solistes de Lyon Bernard Têtu, Concert de l'Hostel Dieu, Choeur Britten,etc.).

FUOCO E CENERE *
JULIE FIORETTI  soprano
PATRICIA LAVAIL  frauta
SIMON HEYERICK  violín
CLÉMENT GEOFFROY  clave
JAY BERNFELD  viola da gamba / dirección
FRED BAYLE  ilustrador


* Fuoco e Cenere recibe o apoio da Direction Régionale des Affaires Culturelles d'Ile-de-France - Ministère de la Culture et de la Communication, de Adami e de Spedidam.

Ningún comentario: