PP Ordes - Presentación candidatura

A discoteca LP 45 quedou pequena o pasado 30 de abril para acoller a presentación da candidatura do Partido Popular ao Concello de Ordes. O presidente do PPdeG e presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, sumouse aos máis de mil veciños que arrouparon a José Luis Martínez Sanjurjo na presentación pública do equipo co que agarda acadar a maioría necesaria para gobernar Ordes tralas eleccións municipais do 24 de maio. 

Cunha idade media de 35 anos, a metade dos candidatos preséntanse por vez primeira, dado que a renovación é un dos factores que Martínez Sanjurjo considera esenciais para acadar a confianza dos veciños e veciñas para rexenerar a política ordense. 

Martínez Sanjurjo comprometeuse a xestionar con responsabilidade para sanear as contas do Concello de Ordes, que chegou a acumular unha débeda de 9 millóns de euros. Anunciou ademais que a transparencia será o eixe central da súa actuación, no caso de resultar elixo alcalde, prometendo contar sempre a verdade de canto suceda no Concello, ademais de recuperar a honradez e a honestidade como eixes do traballo cotiá. 

Os equipamentos que Ordes precisa
Martínez Sanjurjo anunciou que entre os equipamentos públicos que pretende acometer na vila figura un centro para maiores, unha gardaría pública no núcleo urbano, un centro de ocio para nenos e mozos, a reforma do parque infantil, un espazo cuberto no que os nenos podan xogar durante o inverno resgardados das inclemencias meteorolóxicas, dous espazos para a práctica do deporte –un cuberto e outro descuberto-, a ampliación do aparcamento do tanatorio e a prolongación da rolda entre a N-550, nas Casillas, e a estrada Ordes-Carballo, á altura do Empalme, liberando así a vila do tráfico pesado que agora discorre polo Recreo. 

Tamén na vila, o PP local contempla a mellora do pavillón polideportivo municipal e a mellora das instalacións deportivas do CEIP Campomaior, no que prevé a dotación dun ximnasio. Boa parte destas propostas contan xa con anteproxectos elaborados polo Partido Popular para acreditar a viabilidade dos mesmos nunha fase previa á elaboración do programa. 

Estradas e camiños ao día
No caso de resultar elixido, Martínez Sanjurjo comprometeu o arranxo inmediato da estrada que une Ordes con Cerceda, por Mercurín; e tamén un plan para o mantemento integral das estradas, pistas e camiños municipais en todas as parroquias, incluíndo a limpeza anual dos foxos, o remate das concentracións parcelarias xa iniciadas e a petición das de Ordes e Poulo, entre outras medidas, que teñen como obxectivo equiparar a calidade dos servizos públicos que se ofrecen no medio rural cos do núcleo urbano.

Interlocución permanente cos veciños
O candidato do PP á Alcaldía de Ordes anunciou a súa disposición para a interlocución permanente con todos os colectivos sociais do concello (asociacións de veciños, ANPAS, comercio e hostalería, clubes deportivos, ...) e a habilitación de axudas plurais non excluíntes dirixidas a todas as entidades. 

Martínez Sanjurjo fixou en dous anos o prazo máximo para a aprobación definitiva dun Plan Xeral de Ordenación Municipal que cualificou de "vital" para o desenvolvemento e a reactivación económica do Concello de Ordes.

Apoio de Feijóo
O presidente do PPdeG e da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, brindou o seu apoio ás propostas de Martínez Sanjurjo e destacou a capacidade e preparación do candidato popular e o seu equipo. Subliñou, ademais, a experiencia política acumulada por Jose Luis Martínez ao longo destes últimos catro anos nos que liderou a oposición no Concello.

Pola súa banda, o secretario provincial do PP e presidente da Deputación da Coruña, Diego Calvo, gabou a "valentía" mostrada por José Luis Martínez, a quen cualificou dunha persoa "preparada" para asumir a Alcaldía dun municipio ao que "lle chegou a hora do cambio".

Ningún comentario: