BNG Santiago - Encontro coa directiva da Praza de abastos

O BNG-Asembleas Abertas mantivo un encontro coa directiva da praza de abastos para contrastar medidas do programa relativas a este ámbito onde “o fundamental é non desvirtuar o espírito e obxectivo fundamental de ofertar produto fresco de proximidade e de máxima calidade ao conxunto da restauración e da veciñanza de Santiago”, en palabras do candidato Rubén Cela.

Nese sentido, explicou que a praza de abastos “non pode pivotar en ser nun escaparate para turistas nin unha nova zona de ocio que supoña máis competencia á hostalaría xa existente”.

Así, Rubén Cela comprometeuse a apoiar as redes locais de subministración de produtos alimentares e produtos de primeiras necesidade, ademais de desenvolver “unha programación estábel de eventos gastronómicos durante todo o ano, con produtos de temporada e dándolle un papel central á restauración, mais tamén a produtores e produtoras de proximidade a través da praza de abastos”.

No encontro, Rubén Cela destacou a coincidencia de estudar o inicio da rotación de coches estacionados na zona ORA a partir das 8:00 da mañá e o estabelecemento dunha colaboración cos aparcadoiros públicos e privados para a bonificación de tarifas para persoas usuarias da praza de abastos. Na reunión, ademais de Rubén Cela, estivo Concha de la Fuente, número 4 da candidatura do BNG-Asembleas Abertas.

Ningún comentario: