Os atletas Hassan Lekhili, do Ourenrunning (Ourense), e Paula Mayobre González, da Escola De Atletismo Paula Mayobre (Ares), foron os gañadores da segunda edición da Carreira Pedestre do Concello de Frades, que congregou na tarde do venres a case trescentos atletas e a varios centos de veciños e afeccionados ao atletismo en Ponte Carreira (Frades). A pesar das predicións meteorolóxicas, que anunciaban fortes choivas, non choveu en ningún momento da proba e incluso o sol luciu en Frades durante as probas escolares, o que fixo que moitos veciños e veciñas se animaran a pasar unha divertida e deportiva tarde en Ponte Carreira.
O alcalde de Frades, Roberto Rey, foi o encargado de entregar o cheque de 1.000 euros á Asociación Española de Loita contra o Cancro, correspondentes á recadación realizada polas inscricións dos atletas na proba complementada por unha achega municipal. Rey Martínez agradeceu a colaboración de todos os atletas na loita contra esta enfermidade e destacou o traballo dos voluntarios que fixeron posible a organización desta proba. Finalmente, o alcalde explicou aos presentes que “Frades ten moito que descubrir, pois temos un rico patrimonio natural e cultural”, polo que convidou aos presentes a “visitar o noso concello e a volver participar na terceira edición desta carreira para o ano que vén”.
Clasificacións
A proba de Frades marcou o inicio da terceira edición do Circuíto Provincial de Carreiras Populares, promovido pola Deputación da Coruña. O gañador absoluto foi o marroquí afincado en Ourense Hassan Lekhili, que empregou 26 minutos e 56 segundos en cubrir os 8,6 quilómetros dunha proba que dominou dende o primeiro momento. O segundo posto foi para o portugués Nuno Costa, atleta independente que viña que gañar a pasada fin de semana a III Carreira Popular do Concello de Oroso. Costa marcou un tempo de 27 minutos e 7 segundos, a tan só 11 segundos do gañador.
Por segundo ano consecutivo, o terceiro posto foi para o marroquí Akka Essaadaoui, do Dareb Club Corredores Pedro Nimo (Salceda de Caselas), que se impuxo nun emocionante sprint ao independente David Santos Domínguez, veciño de Ordes. Ambos marcaron un tempo de 27 minutos e 27 segundos. O quinto posto foi para Abdelkader Bouguerroudj, do Club Atletismo Sada (A Coruña), cun tempo de 28 minutos e 30 segundos.
Na categoría feminina o triunfo foi por segundo ano consecutivo para Paula Mayobre González, que chegou no posto 22 da proba xeral cun tempo de 31 minutos e 12 segundos.A segunda clasificada foi a compostelá Raquel Suárez Pedrosa, do club Ría De Ferrol, cun tempo de 32 minutos e 35 segundos. Deste xeito, Suárez Pedrosa mellora o seu cuarto posto do ano pasado e supera á que fora segunda nesta proba, María del Carmen Penas Blanco, do Club Universitario de Santiago, que desta vez tívose que conformar coa terceira praza cun tempo de 34 minutos e 11 segundos. Completaron o podio Esther Pedrosa, do Urban Runners Club Santiago, e Inés Papín Estévez, do Club Atletismo Sada.
Entrega de premios
Ademais dos correspondentes trofeos, estes dez primeiros clasificados de ambas categorías levaron uns premios en metálico de 300, 200, 100, 75 e 50 euros, respectivamente. Así mesmo, o gañador da proba por equipos foi por segundo ano consecutivo o conxunto do Club Atletismo Sar Vermú Petroni, seguido polo Noitebra e polo Club Atletismo Milladoiro. Repartíronse uns premios de 200, 100 e 75 euros, respectivamente. Como novidade, o Concello de Frades tamén premiou ao mellor club feminino, resultando gañadoras as integrantes do Club Atletismo Sada, seguidas polo Club Atletismo Sar Vermú Petroni. Levaron 150 e 100 euros, respectivamente.
Os premios foron entregados polo alcalde de Frades, Roberto Rey Martínez, quen estivo acompañado polo deputado provincial e alcalde do Pino, Manuel Taboada, e polos concelleiros de Deportes, Manuel Ferreiro, e Familia, Ángeles Vázquez. Roberto Rey agradeceu o bo traballo desempeñado pola Federación Galega de Atletismo e Emesports, así como aos membros da Garda Civil e de Protección Civil de Bergondo e Muxía que permitiron que a proba se desenvolvese sen incidencias. Así mesmo, agradeceu a colaboración prestada polo CPI Ponte Carreira, Deputación da Coruña, Pepsico, Feiraco, Bebidas Jesús Bendaña Ramos SL (Estrella Galicia), Erimsa, Infantilandia, Cooperativa Central de Frades, Camba, Eurofrut, Nutri Sport, Correrengalicia e Carreirasgalegas.
Roberto Rey e o deputado autonómico Miguel Prado Patiño fixeron entrega de medallas e dunha camiseta conmemorativa a todos os participantes nas probas escolares. Os 164 atletas da proba absoluta tamén levaron unha camiseta de agasallo e todos eles disfrutaron dun avituallamento en meta a base de auga, bebidas enerxéticas e froita, cortesía dos patrocinadores da proba. Ademais dos tradicionais servizos de ducha e roupeiro, os participantes puideron desfrutar tamén dun servizo de fisioterapia totalmente de balde.


Ningún comentario:
Publicar un comentario