Psoe Teo - O PP rexeita participar nun debate

Tras reiteradas comunicacións por parte dos Socialistas de Teo ao candidato popular José Manuel Guerra para a celebración dun debate entre candidatos, onte e vía facebook, este rexeitou a súa participación, sinalando que: “Considero, con toda a miña humildade, que a imaxe dunha disputa entre políticos nun escenario como ocorreu en moitos plenos non é a máis edificante para as veciñas e os veciños”.

A candidata socialista Uxía Lemus amosou a súa sorpresa por esta resposta, xa que un debate público entre os candidatos á Alcaldía de Teo, e aberto ás preguntas dos veciños, non pode ser cualificado nunca nin como "unha disputa entre políticos nun escenario" nin como pouco "edificante". 

Uxía Lemus, tamén en redes sociais, sinalaba ao candidato popular ademais que: “Cada un ten a súa forma de entender a confrontación de proxectos e ideas, e xa vexo que non compartimos nin o fondo nin as formas do que debe ser a relación entre os representantes públicos coa cidadanía”.

Na mesma resposta Lemus confirmaba a reunión entre o resto dos candidatos o venres 8, ás 17 horas, a fin de fixar os termos do debate de forma consensuada, e invitáballe a Guerra Calvelo a cambiar de opinión e asistir a esta reunión, o que lle agradecerían os e as teenses.

Uxía Lemus propuxo este formato por ser o máis adecuado para que a veciñanza coñeza pola miúdo as propostas dos candidatos á Alcaldía de Teo. No mesmo, os Socialistas de Teo farán defensa do seu programa de 138 compromisos, porque 138 foron os mozos e mozas de entre 25 e 34 anos que abandonaron Teo no ano 2014. 

Fomento do emprego, seguridade viaria, política para os maiores, aumento da transparencia e mellora da xestión económica, os Socialistas teenses defenden un completo proxecto de crecemento socioeconómico para un concello que debe ser algo máis que un futuro apéndice da gran capital.

Nunha campaña na que o PSOE de Teo cambiará os mitins ou actos electorais por unha campaña veciño a veciño, parroquia a parroquia, para evitar os xa manidos monólogos políticos, o debate entre candidatos aparece como un elemento central da nova forma de facer política que defende Uxía Lemus.

Lemus sinala que: “tras o rexeitamento un tanto sinuoso de Guerra a participar en un debate aberto e público, despréndese que estas novas formas de facer política non son compartidas polo candidato popular, para o que o debate tanto entre candidatos como nun pleno redúcese a unha disputa pouco edificante entre políticos nun escenario.”

Ningún comentario: