O candidato Rubén Cela presentou no Fórum Europa–Tribuna Galiza as liñas do programa de goberno do BNG–Asembleas Abertas que definen “o proxecto de futuro para Santiago de Compostela”, cunha candidatura comprometida que procede do movemento veciñal, de activistas, do ámbito cultural, comercial, deportivo e educativo e que, ademais, “conta co aval do traballo feito durante estes anos” e cunha dose importante de renovación. Margarita Ledo, profesora de Comunicación Audiovisual na USC, foi a encargada da presentación do evento, ao que asistiron máis de 160 persoas
Rubén Cela avanzou propostas concretas do ámbito social, laboral, cultural, urbanístico e ambiental para, en conxunto, gañar calidade de vida na cidade. Do ámbito social, destacou a dotación dun fondo de acción social e de loita contra a pobreza “para atender as necesidades básicas e urxentes, cun programa de inclusión sociolaboral”.
Santiago, concello libre de desafiuzamentos
O BNG aposta por reformular a actual política de vivenda, “que pasa por entendela como un dereito básico e non un privilexio”. Para iso, cómpre impulsar unha oferta de vivenda protexida en réxime de alugueiro para as familias con menos recursos e declarando Santiago “concello libre de desafiuzamentos”, indicou. Avoga ademais pola subministración dos servizos básicos municipais a persoas e familias en situación de vulnerabilidade con tarifas sociais ou sen custo, así como a revisión das ordenanzas fiscais para aplicar criterios de progresividade.
Creación de emprego de calidade
Para o BNG-Asembleas Abertas, a absoluta prioridade política do Concello de Santiago no próximo mandato debe ser a creación de emprego de calidade, co fomento da diversificación económica para reducir “a excesiva dependencia do sector servizos que significa, por norma xeral, empregos máis estacionais e máis precarizados, pouca especialización e menor xeración de valor engadido”. Sinalou que hai que revisar o sistema aeroportuario galego; “a coordinación, complementariedade e especialización teñen que pasar do papel á práctica”, afirmou. Presentou tamén a proposta de crear un Consorcio polo Emprego, para optimizar os recursos das administracións e incidir especialmente na mocidade, maiores de 50 anos e, de xeito transversal, as mulleres.
Urbanismo e mobilidade
“Temos claro o que queremos: unha cidade máis humana, máis segura, máis vivíbel, onde as persoas sexan o primeiro”, explicou, “onde se poidan volver escoitar os nenos e as nenas xogando na rúa”. Así, aludiu ao “bo traballo que se fixo en mandatos anteriores en Santiago, sobre todo no que tivo a ver coa conservación e posta en valor da cidade histórica e tamén o exemplo do que se pode chegar a conseguir cando hai modelo de cidade e valentía política para aplicalo, como en Pontevedra”.
Referiuse ademais a que é preciso mellorar o sistema de transporte público, tanto no número de liñas e frecuencias do bus urbano como nas marquesiñas e paneis informativos e, moi especialmente, no ámbito do transporte metropolitano. “Para realizar un proceso de maior humanización dos nosos barrios, resulta imprescindíbel mellorar a rede de aparcadoiros públicos de contorna que reduzan o tráfico de tránsito e parasitario así como promover concertos para o abaratamento dos aparcadoiros existentes”, explicou. “Queremos unha cidade histórica cun uso preferentemente residencial e do pequeno comercio tradicional”, sinalou.
Medio ambiente
En materia de medio ambiente, comprometeuse a “un mellor mantemento do que xa temos e pór en valor os espazos naturais públicos, prestando unha especial atención á recuperación e conservación das ribeiras dos nosos ríos, así como a execución do Plan Especial das Brañas do Sar”. Avogou tamén por promover a redución de residuos e separación domiciliaria e pola implantación dunha planta de compostaxe propia para Santiago e a súa comarca.
Cultura, lingua e identidade
A cultura foi sempre un elemento central da identidade da cidade de Santiago de Compostela, en consonancia co seu papel como capital de Galiza, explicou, e apostou por “unha política cultural aberta, democrática, participativa, con orgullo do seu, con exhibición do propio”, indicou.
“Queremos un Concello galego e en galego, porque Compostela debe volver ser un referente na defensa e na utilización do galego e impulsar políticas acaídas e planificadas para este momento e contexto particular, porque debe formar parte do conxunto de actuacións municipais en todos os ámbitos”. BNG-Asembleas Abertas comprométese a facer da defensa da lingua galega un obxectivo diario en todos os ámbitos da vida municipal.
Candidatura plural e comprometida co país
Sobre a candidatura, explicou que se trata dun grupo de persoas “plural, composto por militantes e tamén por un número moi importante de persoas que non militan no BNG, mais que estiveron dispostas a dar un paso cara a adiante e comprometerse con este proxecto de futuro para Santiago”. Unha candidatura que combina a necesaria renovación coa imprescindíbel experiencia, dixo, son veciños e veciñas de diferentes dos barrios e parroquias, do rural e do urbano, persoas que proceden do movemento veciñal, activistas de movementos como o das preferentes ou emigrantes retornados/as, outros do ámbito cultural, comercial, deportivo ou educativo.
“Son persoas honestas e honradas, con principios e dunha ética incuestionábel, moi implicadas e comprometidas, coñecidas e recoñecidas nos seus barrios e parroquias e tamén non seus ámbitos profesionais e asociativos”, incidiu. “Temos o proxecto de cidade, persoas para levalo a cabo, a credibilidade e o aval do traballo feito durante estes anos, tanto desde o goberno como desde a oposición”, engadiu.
Ningún comentario:
Publicar un comentario