O candidato socialista á Alcaldía, Paco Reyes, participou esta mañá na campaña promovida polo Grupo LGTB da Agrupación Socialista de Santiago "7 Cores Compostela" que, baixo o nome "O meu sangue tamén é vida. Compárteo", desenvolverase ao longo de todo o día de hoxe como mostra de rexeitamento frontal á recente sentenza do Tribunal de Xustiza da UE que permite aos Estados prohibir ás persoas homosexuais a doazón de sangue. Cunha doazón colectiva e solidaria, Reyes, acompañado por representantes da Executiva do PSdeG, da deputada Carmen Acuña, do coordinador de "7 Cores Compostela", Gonzalo Diz, e do secretario xeral de Xuventudes Socialistas, Aitor Bouza, amosou non so o apoio a esta iniciativa, senón que tamén defendeu un sistema de garantías sanitarias -que é a que se aplica na actualidade no sistema sanitario español- fronte ao que supón unha decisión discriminatoria e homófoba, xa que se basea unicamente na orientación sexual.
Paco Reyes, ademais, plantexou algunhas das principais necesidades do Concello no eido da sanidade , como a elaboración dun Plan Municipal de Saúde. "Levamos catro anos de retraso", dixo o candidato, para o que "quen está a gobernar o Concello desta cidade negouse sistematicamente a elaboralo". Así mesmo, apostou pola promoción da saúde e a prevención da enfermidades que, como subliñou, son as que fan que o sistema sanitario sexa "verdadeiramente sostible".
"Calquera outro aspecto leva á mercadería da nosa sanidade a través do sistema unicamente sistencial", asegurou Reyes, para o que o obxectivo non é outro que o de "achegarnos aos países nórdicos, que con programas de prevención e promoción da saúde acadaron unha diminución do 50% de mortes en idades laborais no cancro de pulmón ou un 75% das cardiovasculares".
Reyes esixiu tamén á Consellería de Sanidade o novo centro de saúde de Conxo, o Plan Director do Hospital -"esquecido pola Xunta dende 2010 e que, por certo, leva á situación actual no que se atopa o Hospital Gil Casares", manifestou-. "Esiximos unha dedicación á sanidade pública no noso Concello, como levamos facendo estes catro anos, e, a partires do 24, temos a confianza de recibir o apoio dos veciños e veciñas para esixilo xa dende o goberno desta cidade", afirmou Paco Reyes.
Ningún comentario:
Publicar un comentario