O Grupo Municipal do Partido Popular insta ao Goberno local a que informe sobre as adhesións do concello a diversas institucións e organismos. Neste senso, o grupo popular solicita información ao respecto da unión de Santiago de Compostela á ‘Rede de Cidades Refuxio’, que organiza o concello de Barcelona, así coma tamén ao movemento de ‘Cidades polo ben común’ e á ‘Conferencia de alcaldes pola paz’.
Os populares lamentan, unha vez máis, que o actual goberno vaia por libre e non teña en conta a postura do resto de grupos da corporación. “O executivo municipal tomou de forma unilateral a decisión de unirse a entidades ou organizacións sen preocuparse, non só de solicitar a opinión dos demais grupos que conforman a Corporación, senón de informar aos respectivos voceiros dunha decisión que lle afecta ao conxunto da cidadanía”, denuncian. E é que tal e como subliñan os populares, este tipo de adhesións non se fan a tipo particular ou de partido político, senón en nome do concello, polo cal o actual goberno local debería contar cos demais grupos para tomar unha decisión ao respecto, tendo en conta ademais que Compostela Aberta non ten a maioría absoluta. “É un exemplo máis de confusión que ten este goberno entre o institucional e o partidario, así coma tamén da súa nula disposición ao diálogo”, subliñan.
Con respecto á incorporación á ‘Rede de Cidades Refuxio’, o Partido Popular lamenta que o actual alcalde se desmarque e incumpra un acordo aprobado no pleno. Neste senso, os populares recordan que na pasada sesión do mes de setembro aprobouse, de forma unánime por todos os grupos, unha declaración institucional sobre a crise humanitaria e o acollemento das persoas que buscan refuxio en Europa, na que se recollía a disposición a colaborar de forma activa na solución do problema e a vontade de poñer a disposición das administracións públicas competentes a súa capacidade de acollida para contribuír, de forma solidaria, a resolver esta situación.
Para os populares, esta exclusión dos grupos da oposición da toma de decisión destas cuestións é unha mostra máis do seu desprezo á representatividade municipal e recórdanlle ao alcalde que este tipo de decisións exceden as súas competencias. Por todo iso, o Grupo Municipal do PP, co fin de evitar este modus operandi do actual equipo de goberno, presentará unha proposición no próximo pleno de outubro para que se acorde que, antes de proceder á adhesión do concello como institución municipal a calquera organización, a decisión se someta á consideración do Pleno Municipal.
Ningún comentario:
Publicar un comentario