Ames - este venres comeza unha nova edición da feira do Comercio Val da Maia

Este venres, 12 de xuño, comezará unha nova edición da Feira do Comercio Val da Maía. Ás 17:00 horas abriranse as portas da que xa é a décimo primeira edición desta iniciativa comercial. Este ano uns 40 establecementos comerciais ofrecerán os seus produtos con grandes descontos. A feira contará con máis de 1.000 metros cadrados de oportunidades. Este evento, que se desenvolverá no pavillón polideportivo do Milladoiro, terá lugar os días 12, 13 e 14 de xuño. 

Esta fin de semana o pavillón do Milladoiro converterase no gran centro de compras de todo o Concello de Ames e dos municipios limítrofes. A Asociación de Empresarios, Comerciantes e Profesionais do Milladoiro organiza este evento comercial en colaboración co Concello de Ames, a Deputación da Coruña, a Asociación de Comerciantes de Bertamiráns, a Asociación de Empresarios Novo Milladoiro, e a Asociación de Pequenos Comerciantes Viorneira, Palmira Bulebar. 

Está previsto que a este evento acudan arredor de 40 expositores, que ocuparán unha superficie de 1.000 metros cadrados. Nesta feira haberá comercios de diferentes sectores como o téxtil, calzado, electrónica, óptica, roupa, artesanía, complementos do fogar ou agasallos. Estes postos ofrecerá unha gran variedade de ofertas e promocións en todos os sectores e actividades comerciais. Cómpre destacar que este ano, ademais de establecementos comerciais, haberá stands de empresas e profesionais que ofrecerán os seus produtos e servizos.

A XI Feira do Comercio abrirá ao público o venres 12, ás 17:00 horas, e permanecerá aberta ata as 21:00 horas. O sábado e o domingo o horario de apertura será ininterrompido de 10:00 h a 21:00 horas. A entrada será libre e haberá atraccións para os nenos, inchables e aparcamento gratis.

Ademais de poder comprar diferentes produtos aos mellores prezos, as persoas que asistan á Feira do Comercio poderán gozar dunha ampla oferta lúdica e gastronómica, xa que haberá inchables para os nenos/as e postos de polbo para xantar. Tamén haberá churrerías, xeadarías e rede wifi. Haberá tamén unha exposición de coches patrocinada por Dimonorte na zona exterior.

Ningún comentario: