O BNG de Teo ven de denunciar a tardanza en aparecer dos medios aéreos de extinción para atender o grave incendio forestal que afectou hoxe ás zonas de Texexe e Mouromorto, mesmo cunha situación de grande perigo para a zona habitada.
O lume iniciouse sobre as cinco da tarde, mais os primeiros medios aéreos non apareceron ate as oito da tarde, tres horas despois, e cando xa se queimaran 12 hectáreas de terreo arborado moi próximo ás vivendas.
Ademais desta tardanza dos medios aéreos, desde o BNG de Teo denuncian tamén a escaseza de medios terrestres, que acudiron tamén con atraso e en escaso número, o que impediu que se puidera controlar o lume moito antes do que se fixo, sendo inda máis grave ao situarse este incendio moi perto de zona habitada, e afectando finalmente a máis de 20 hectáreas.
Para o BNG de Teo isto é un signo da mala planificación que desde a Consellaría do Medio Rural e do Mar se ten feito da campaña anti-incendios, e en vista de “que inda nos atopamos no mes de xuño, é moi probábel que volvamos vivir situacións coma a de hoxe se non se corrixen as deficiencias de planificación e número de medios”, algo que desde o BNG de Teo exixen á Xunta.
Ningún comentario:
Publicar un comentario