Santiago - La Galanía no Vía Stellae

Despois da inauguración cun concerto do pianista Uri Caine, na segunda xornada do Via Stellae, teremos a Raquel Andueza e La Galanía achegándonos a un dos compositores máis importantes –e tristemente un dos máis esquecidos– do século XVII, con ocasión do 350º aniversario da súa morte: Tarquinio Merula. Será mañá martes a partir das 20.30 h no Paraninfo da Universidade (Facultade de Xeografía e Historia). A entrada a este concerto será de balde previa retirada de invitacións no despacho de billetes do Principal (que abre de 18.00 a 21.00 h) ou, de quedar algunha entrada, desde unha hora antes de que comece o concerto no propio Paraninfo.

A música de Tarquinio Merula non ten nada que envexar á dos seus contemporáneos Claudio Monteverdi, Francesco Cavalli ou Barbara Strozzi. Organista, violinista e compositor italiano, foi un dos autores máis innovadores no campo da música sacra do Seicento. Moito máis coñecido pola súa música instrumental, unha das voces máis autorizadas e especializadas neste repertorio, a soprano navarra Raquel Andueza, proponnos un programa de cancións para voz sola cheas de beleza, frescura e poesía nas que Tarquinio Merula desprega todo o seu abano estilístico cun uso da retórica onde as notas se dobregan ao texto... Música en estado puro.

Il cavaliere Tarquinio Merula
Por un deses inexplicables paradoxos do destino, a figura do compositor, organista e violinista Tarquinio Merula permanece aínda á sombra dos Monteverdi, Carissimi, Cavalli, Cesti, Strozzi, Ferrari ou Frescobaldi, a pesar de que catro séculos antes gozaba de igual fama e foi un dos autores máis innovadores no xénero sacro durante o século XVII. A soprano Raquel Andueza e o tiorbista Jesús Fernández Baena, intentando reparar este inxusto esquecemento, adoitan incorporar nos seus programas de concerto os seus canzone a voce sola, algunhas delas gravadas en diferentes discos nunha progresiva reivindicación da gran calidade da obra de Tarquinio Merula, tanto profana coma relixiosa, que culminou recentemente coa excelente gravación de Pegaso (Anima e Corpo) na que o seu grupo musical La Galanía compila os seus Salmi, Motetti, Suonate e Letaniae (Venecia, 1640) rendendo unha verdadeira homenaxe a un dos máis grandes compositores italianos do Seicento. Aínda que nacido en Busseto (c.1594-1665), e asociado á escola veneciana, a vida de Tarquinio Merula, salvo un período de cinco anos (1621-26) na corte polaca de Varsovia, transcorre unha e outra vez entre Cremona, Lodi e Bérgamo, reflexo dunha complexa e intratable personalidade. Unha vez máis, topámonos ante un artista que mostra unha gran sensibilidade na súa obra, especialmente nas súas cancións, pero que ten graves problemas para as relacións humanas. Este programa de cámara invítanos a unha viaxe a través do tempo. Imaxinemos que podemos remontarnos catro séculos atrás, cando as composicións para voce sola con acompañamento instrumental, moldeadas baixo diferentes formas (canzonettas, lamentos, arias, cantatas) seguen o prescritivo principio teórico "prima lle parole, poi la musica": a palabra eríxese en dona absoluta do discurso musical, dobregándose a música á perfecta comprensión e sentido do texto literario, espremendo ao máximo os recursos expresivos para a transmisión dos affetti. Dende o punto de vista temático, o amor -espiritual ou carnal- e o desamor, seguen sendo os motivos recorrentes, sentimentos que constitúen fonte de pracer ou dor, de humor ou sufrimento, de paz ou esgazadura, para as distintas voces poéticas das cancións. Tarquinio Merula, mestre consumado, desprega todos os seus recursos estilísticos e con igual mestría recrea todo tipo de atmosferas: dende o doce veleno do amor na irónica advertencia de Folle è ben que si crede ou a deliciosa e pimpante Sempre lieta, gioconda e brillante, ata a máis desgarradora visión da Virxe que nos preludia o lacerante e sanguento "via crucis" do seu recén nacido nunha das máis conmovedoras nanas xamais escritas, a Canzonetta spirituale sopra alla nanna, cun maxistral e inquietante uso do baixo ostinato. En 2015 cúmprese o 350º aniversario da súa morte e non hai mellor modo de conmemoralo que dando vida á súa música. Sen dúbida ningunha, calquera gran compositor rescatado do esquecemento será sempre zume novo nas programacións e unha valiosa contribución á cultura do noso país, grazas a intérpretes tan exquisitos como inquedos en descubrirnos xoias ocultas. [Alejandro Arnáiz]

RAQUEL ANDUEZA soprano
Nacida en Pamplona, ampliou os seus estudos, becada polo Goberno de Navarra e o Concello de Londres, na Guildhall Shool of Music and Drama de Londres, onde obtivo o Bachelor of Music con mención honorífica e recibiu o premio School Singing Prize. Pouco máis tarde coñeceu ao mestre Richard Levitt, quen foi o seu referente ata o presente. Colabora asiduamente coas formacións L'Arpeggiata, Orquesta Barroca de Sevilla, Gli Incogniti, La Tempestad, Al Ayre Español, El Concierto Español, Private Musicke, La Real Cámara, Hippocampus, B'Rock, Orphénica Lyra etc. En 2003 únese ao cuarteto vocal La Colombina e forma un dúo especializado en música italiana do século XVII xunto ao tiorbista Jesús Fernández Baena, con quen funda en 2010 o grupo La Galanía. Actúa como solista nos principais festivais e auditorios de todo o mundo: París, Madrid, Barcelona, Bruxelas, Utrecht, Praga, Frankfurt, Bucarest, Viena, México, Nápoles, Granada, Minneapolis, Berna, Panamá, Londres, Hong Kong, Moscú, Bogotá etc. En 2012 realizou o seu debut no neoiorquino Carnegie Hall e nos Proms londinienses. Foi dirixida por directores do talle de William Christie, Fabio Biondi, Emilio Moreno, Pablo Heras-Casado, Jacques Ogg, Monica Huggett, Eduardo López-Banzo, Christina Pluhar, Richard Egarr, Ottavio Dantone, Christian Curnyn, Sir Colin Davis, José Ramón Encinar etc. Raquel Andueza é invitada para impartir cursos de canto (Teatro Real de Madrid, universidades de Burgos e Alcalá de Henares) e colabora en bandas sonoras de películas, curtametraxes e series de televisión como Exodus (Ridley Scott, 2014), Isabel (TVE1, Javier Olivares, 2012), Atraco (Eduard Cortés, 2012), Tous les soleils (Philippe Claudel, 2011), Disección de una tormenta (Julio Soto Gúrpide, 2010) e puxo, xunto a La Galanía, a voz ao último anuncio de televisión da firma Loewe. Realizou gravacións para selos discográficos como Warner Classics, Virgin Classics, Glossa, K617, NB Musika, Accentus, OBS Prometeo e Zig-Zag Territoires. En 2011 creou o seu propio selo discográfico, Anima e Corpo, cuxas catro gravacións (Yo soy la locura, In Paradiso, Alma Mia e Pegaso) recibiron as mellores críticas e premios da prensa especializada.

LA GALANÍA
Considerada unha das formacións especializadas máis importantes do panorama musical español actual, foi fundada en 2010 por Raquel Andueza e Jesús Fernández Baena coa finalidade de interpretar música barroca, tanto do século XVII como do XVIII, sobre a base duns coidados principios historicistas e apostando por colaborar cos mellores músicos especialistas neste repertorio. Os seus membros forman parte de orquestras e grupos prestixiosos a nivel mundial, como Hespèrion XXI, Al Ayre Español, Orquesta Barroca de Sevilla, Private Musicke, Orchestra of the Age of the Enlightment, L'Arpeggiata etc. La Galanía fixo o seu debut con grande éxito na Catedral de Pamplona co Stabat Mater de Pergolesi, e rapidamente comezaron a estar presente nos máis prestixiosos auditorios e festivais do mundo: Auditorio Nacional de Madrid, Deutschland RheinVokal, Cultur Casino Berna, Konzerthaus de Berlín, WDR Köln, Saint Michel en Thiérache, MAFestival de Bruxas, Palacio de la Almudaina de Palma de Mallorca, Festival de Aranjuez, Quincena Musical Donostiarra, Festival Van Mechelen, festivais internacionais de música de Innsbruck, Moscova, Bogotá, Panamá, Finlandia etc. En xaneiro de 2011 publicaron o seu primeiro proxecto discográfico, Yo soy la locura, para a discográfica Anima e Corpo, álbum que supuxo un éxito de crítica e vendas e que recibiu de xeito unánime o premio Festclásica, outorgado pola Asociación Española de Festivais de Música Clásica. Posteriormente presentaron os seus traballos discográficos Alma Mia (un recompilatorio das arias de ópera e cantatas máis belas de Antonio Cesti) e Pegaso (un compendio de salmos e motetes de Tarquinio Merula) que tamén están a obter as mellores críticas e premios da prensa.

LA GALANÍA
PABLO PRIETO violín
MANUEL VILAS arpa doppia
JESÚS FERNÁNDEZ BAENA tiorba

Ningún comentario: