Ao longo da mañá de onte celebrouse a sesión de constitución da nova corporación do Concello de Ordes na que o popular José Luís Martínez Sanjurjo foi elexido novo alcalde de Ordes. Un acto ao que non faltaron numerosos veciños e veciñas que encheron o salón de plenos do antigo consistorio. Unha elección acadada grazas aos sete votos a favor emitidos polos integrantes do Partido Popular na nova corporación, partido que foi lista máis votada nos pasados comicios. Pola súa banda tanto o único membro do PSOE como os tres do BNG abstiveronse, mentres que os seis de UXO votaron en contra.
“Non lle poñades chatas á obra namentras non se remata. O que pense que vai mal que traballe nela; hai sitio para todos”. Con esta cita de Castelao o novo alcalde de Ordes definiu o seu xeito de facer política de cara aos vindeiros catro anos. Unha filosofía basada no beneficio común á cidadanía e no traballo responsable e feito en equipo. Tras recoller o seu bastón de mando asegurou que “non se poden prometer imposibles” pero que respostará “con moito esforzo ante a enorme responsabilidade confiada”. No seu discurso de investidura tamén destacou que como único límite establecido ao seu mandato figura “o respecto á lei e a igualdade de oportunidades para todos, rexeitando calquera trato de favor e exercendo o Goberno local con responsabilidade”. Martínez Sanjurjo definuse como “o alcalde de todas e todos os ordenses”, apostando pola fórmula do traballo realizado con “exemplaridade e transparencia” para tratar de recuperar a “credibilidade” perdida nos últimos tempos no que atinxe á labor política.
O novo alcalde tamén se reafirmou na importancia que ten a atención directa a todos os habitantes de Ordes, polo que manterá “abertas as portas dos despachos para atender aos veciños e veciñas”. Unha dinámica que se levará a cabo, incluso, un sábado ao mes, no que él mesmo ou algún concelleiro atenderán persoalmente as queixas e suxestións daqueles e daquelas que non poidan facelo ao longo da semana.
Martínez Sanjurjo asegurou que “chegou o momento do cambio” ao que tantas veces aludira durante a campaña electoral. Para isto “se cumprirá co programa presentado como si de un contrato se tratase, e se escoitará con humildade á xente para diferenciar o verdadeiramente importante do accesorio”. Unha man tendida non só a o pobo de Ordes “senón tamén aos restantes membros da corporación”. A todas as forzas políticas o novo alcalde solicitoulles o seu apoio “para poder alcanzar acordos alomenos naqueles temas que son de interexe xeral”
Nun día tan importante no que o novo alcalde estivo rodeado dos seus máis achegados tamén tivo palabras para todas e todos eles. Aagradeceu o apoio brindado por todos os membros do seu equipo, afiliados e simpatizantes e, moi especialmente, o da súa familia e amigos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario