Cámara de Comercio - Contas anuáis do 2014

A Cámara de Comercio de Santiago aprobou no pleno ordinario de xuño as Contas Anuais e a Memoria de 2014. O resultado positivo do pasado exercicio cifrouse en 5.579,49 euros, mentres que para este ano en curso se manexa un presuposto que ascende a 1.023.000 euros, ingresos que proceden dos servizos prestados ás Administracións Públicas e das aportacións voluntarias das empresas.

O presidente da entidade, Jesús Asorey, indica que a Cámara de Santiago é unha entidade saneada e con solvencia. “A nosa cámara está preparada para abordar o futuro con éxito, malia que o noso presuposto descendeu un 48 por cento nos últimos cinco anos. O noso valor fundaméntase na alianza estratéxica que mantemos co territorio onde nos asentamos”.

A Cámara compostelá con afán de dar maior transparencia e de poñer en coñecemento do empresariado e da sociedade en xeral o seu funcionamento e estrutura organizativa elaborou un informe de boa gobernanza corporativa. Trátase dun exhaustivo documento que detalla a natureza xurídica e fins da entidade, ámbito territorial e número de empresas adscritas segundo o censo electoral –43.838–, órganos de goberno, encomendas de xestión e procedementos de contratación, organismos onde está presente e participación en sociedades civís ou mercantís, así como varios marcos legais.

No apartado de control e transparencia, o informe di que a Cámara está sometida á tutela da Xunta de Galicia, á que se someten os presupostos ordinarios e extraordinarios de gastos e ingresos, ademais de fiscalizar as contas anuais e liquidacións. Engade que as contas anuais, xunto co informe da auditoría e o de goberno corporativo, serán depositadas no Rexistro Mercantil de Santiago e publicadas na web http://www.camaracompostela.com/.

Ningún comentario: