O Concello de Ordes celebrou onte o derradeiro pleno desta lexislatura, no cal se aprobou por unanimidade a acta da sesión anterior. A continuación o alcalde en funcións, Manuel Regos, tivo unhas palabras de despedida e de agradecemento tanto para os compañeiros de partido como para os demais membros da corporación.
Posteriormente os concelleiros e concelleiras que xa non estarán presentes no vindeiro goberno tiveron unhas palabras de despedida, que no caso de Ana Álvarez (CidGa) “son máis un ata pronto que un adeus”. No caso de Xesús Pedreira (PSOE) quixo agradecer tamén o traballo conxunto de todos e todas, destacando a súa intención e motivación na toma de decisións para “situar a Ordes nun lugar destacado no mapa da comarca e de toda Galicia”. Roberto Iglesias, concelleiro en funcións de Deporte, despediuse asegurando que “estes catro anos supoñen unha experiencia inesquecible na que aprendín moito tratando de facer o mellor para Ordes”, e asegurou que o seu distanciamento da actividade política é definitiva, “xa que o meu é un ata sempre”.
Especialmente emotiva foi a quenda de intervención de Estrella Vázquez (PP), unha das figuras máis veteranas do cadro político municipal. Estrella agradeceu a colaboración e o traballo en equipo brindado tanto polo seu equipo de goberno como polos traballadores do Concello na súa etapa como concelleira de Urbanismo e Educación. Tamén o apoio e a confianza brindada polos veciños e veciñas, ademais da axuda e ensinanzas achegadas por Manuel Regos e Teodosio Martino nos seus anos de concelleira.
Relevo na alcaldía
Por outra banda hoxe fíxose pública a convocatoria para a sesión de constitución da corporación. Esta terá lugar o vindeiro venres 3 de xullo ás 12 horas no salón de plenos situado no antigo edificio consistorial. Nela está previsto que Xosé Luís Martínez Sanjurjo (PP) tome posesión como novo alcalde de Ordes tras os resultados electorais rexistrados no proceso lexislativo municipal que tivo lugar o pasado 24 de maio. Deste xeito a corporación quedaría encabezada pola lista popular con sete concelleiros, seguidos de UXO con seis, BNG con tres e PSOE cun concelleiro.
Ningún comentario:
Publicar un comentario