A Xunta directiva da Anpa do IES de Cacheiras quere dar a coñecer a situación de infradotación de recursos materiais e de profesorado que padece este centro e que se agravou cos recortes no ensino dos últimos anos. Unha situación que vai en detrimento da educación que reciben os nosos fillos e fillas.
A dotación de profesorado do noso IES, un centro de 650 alumnos, correspóndese coa dun centro de 300. Dende o curso 2011/2012 o número de profesores/as asignados ao centro reduciuse en 6, mentres que o número de alumnado mantívose sen variación. Isto redunda directamente nunha mingua duns recursos xa claramente insuficientes para atender as necesidades do alumnado en aspectos tan esenciais como a Atención á Diversidade, cun único profesor de apoio para todo o centro; a imposibilidade de crear os agrupamentos que faciliten unha atención individualizada; a redución de materias optativas que reforcen a adquisición das linguas e mesmo a dificultade para cubrir as gardas.
Á infradotación de profesorado hai que engadirlle a infradotación tecnolóxica cunha rede de ordenadores obsoletos e escasos. O IES de Cacheiras, por non ter, non ten ,nin sequera, ordenador e canón para o profesorado en todas as aulas. Algo esperpéntico na sociedade actual e máis tendo en conta o agravante de que o alumnado que chega ao IES desde os centros de Primaria vén acostumado ao uso constante do ordenador como unha ferramenta de traballo na aula, polo tanto, a entrada no instituto supón para eles e elas unha grave marcha atrás na metodoloxía e nos recursos.
O centro só conta cunha Aula de Informática con 20 postos na que non colle nin sequera todo o alumnado dunha clase e posúe unha única aula TIC de 25 postos para os 650 alumnos.
No centro temos unha biblioteca dun tamaño claramente insuficiente (64m2 para 650 alumnos), a Xefatura Territorial comprometeuse a ampliala, pero un ano despois segue sen adxudicarse a obra.
Exiximos a mellora de todos os recursos humanos e materiais do IES para que os nosos fillos e fillas poidan ter un ensino público coas mínimas condicións de calidade.
Ningún comentario:
Publicar un comentario