PSOE Ordes - O PSOE pide responsabilidade a tódolos grupos municipais

Os socialistas instaron ao alcalde a esixir na súa próxima reunión coa Xerencia do Catastro a bonificación do 95% no IBI ás explotacións agrogandeiras
O PSOE de Ordes votou a favor da modificación das Ordenanzas Fiscais do Concello de Ordes para 2014 proposta na sesión plenaria extraordinaria de hoxe. O voceiro municipal, Xesús Pedreira, asegura que “dende o PSOE estamos a facer unha política responsable que intenta minimizar o impacto das taxas municipais sobre os veciños” e fai un chamamento aos grupos municipais do PP e do BNG a que “abandonen o discurso distorsionador da realidade, co que só andan á busca de réditos políticos, e fagan propostas que busquen o mellor para os nosos veciños”.

Neste sentido, Pedreira Mirás sinala que “os socialistas temos outra maneira de facer as cousas. Non estamos a favor da suba do IBI e sabemos que o momento económico non é bo, pero tamén somos conscientes de que levaba 20 anos sen ser revisado e que é algo que non podemos evitar dende a Administración Municipal”. “Como non podemos evitalo”, continúa Xesús Pedreira, “dende o PSOE buscamos formas de minimizar naquelas áreas nas que si poida actuar o Concello. Por iso levamos dende o pasado mes de xuño pedindo a bonificación do 95% no IBI ás explotacións agrogandeiras, unha proposta que fixemos os socialistas e que agora tanto o PP como o BNG pretenden apropiarse”.

De feito, os socialistas reiteraron na sesión de hoxe a súa petición ao alcalde de Ordes para que, na próxima reunión coa Xerencia do Catastro, esixa a bonificación do 95% no IBI ás explotacións agrogandeiras. “Pensamos que aínda pode haber unha solución positiva antes do 1 de xaneiro”, sinala Pedreira Mirás. Así mesmo, os socialistas recorden que foi o PSOE de Ordes quen conseguiu a habilitación dunha oficina específica para atender as reclamacións dos numerosos afectados polos erros nos recibos do IBI. “Nós traballamos polo benestar dos nosos veciños, outros dedícanse a buscar réditos políticos”, conclúe Pedreira Mirás.

O voceiro municipal socialista tamén valorou o esforzo municipal ao non incrementar as taxas polos servizos de abastecemento de auga, rede de sumidoiros e depuración, que só se incrementan de acordo co acorado no contrato coa empresa concesionaria do servizo. “Incluso hai unha pequena baixada para o pequeno comercio e para a hostalería na taxa do lixo, que valoramos positivamente nunha época de crise como a actual”, apunta Xesús Pedreira.

Ningún comentario: