A ANPA de Monte dos Postes reclama do Concello o arranxo de deficiencias graves nas instalacións do centro
Diante das graves deficiencias nas instalacións do colexio, a ANPA de Monte dos Postes reclámalle ao Concello de Santiago que asuma as súas obrigas e proceda a executar as actuacións de arranxo e mantemento que precisa de maneira urxente o Colexio.
Nunha reunión mantida a principios de curso, a ANPA trasladoulle á concelleira de Educación unha serie de deficiencias nas instalacións, que impiden un normal desenvolvemento da actividade docente. Entre outras, as mais importantes son:
O arranxo das fochancas no acceso interior ao colexio.
A iluminación exterior. Hai que ter en conta que hai nenas e nenos que acceden ao centro ás 7.30 da maña, cando a visibilidade é nula porque a iluminación dos faroisexteriores non funciona.
A limpeza dos canos da cuberta. Houbo aulas que se anegaron e equipamentos do centro que se mollaron (entre outro, o equipamento electrónico e informático) como consecuencia da falta de limpeza e despois das choivas dos últimos días.
Limpeza dos baños con maior frecuencia.
Dotación de canastras e porterías na zona exterior de xogo das crianzas.
A ANPA puxo en coñecemento da concelleira esta situación sen que ata o momento se iniciara actuación ningunha encamiñada a resolver a situación.
Ademais, o centro presenta graves carencias nas súas instalacións e que son competencia da Xunta de Galicia. O centro non é accesíbel para persoas con discapacidade (non tenascensor, ramplas de acceso nin baños adaptados).
Por outra banda, é absolutamente prioritaria a construción de catro aulas de educación infantil (para as que xa existe un proxecto da delegación provincial de educación) posto que algunha das actuais nin sequera cumpre as mínimas condicións para escolarizar nenas e nenos.
A instalación que se utiliza para o comedor é absolutamente insuficiente, xa que, en ocasións obriga a facer tres quendas para o xantar das nenas e nenos.
Estas cuestións fóronlle trasladadas á consellería nunha reunión de finais do curso pasado, e vemos que nos actuais orzamentos da Xunta nin aparece ningunha partida. Ademais xa se lle comunicou á dirección do colexio que non se ían a afrontar ningunha destas peticións.
Desde a ANPA non imos permanecer impasibles e non imos aceptar esta situación xa que é inaceptábel que se dediquen millóns de euros ao ensino privado -incluída a contratación de empresas privadas para impartir formación- mentres se nos recorta ao ensino público, que é o único que garante unha educación igualitaria e de calidade.
Ningún comentario:
Publicar un comentario