Klaus Brey lémbralle ao voceiro do PP que o seu grupo non apoiou os orzamentos nos que se incluía a mellora da cuberta do pavillón da Bandeira
Ante as declaracións do voceiro do PP de Silleda pedindo ao goberno municipal o arranxo das goteiras no pavillón polideportivo da Bandeira, o concelleiro de Deportes, Klaus Brey, lémbralle que no seu día os populares non apoiaron os orzamentos deste exercicio nos que se incluía unha partida de 15.000 euros para efectuar a reparación. “É máis, cando se debatiron os orzamentos houbo incluso algún membro da Corporación que viu excesiva esta partida”, engade.
“Se tanto lle importaba o arranxo da cuberta, non sei como non apoiaron o proxecto orzamentario no seu día”, prosigue. “Nin apoiaron as contas e nin sequera presentaron alegacións ao orzamento”.
O concelleiro de Deportes explica que para arranxar a cuberta haberá que agardar aos próximos orzamentos municipais, “xa que as deficiencias son máis graves do que se estimou nun principio, e por iso a partida consignada inicialmente non vai chegar para arranxar os desperfectos”. Así, advirte que “por moito que cacarexe o PP, o que non podemos facer é andar poñendo remendos, e facer meros parcheos, porque neste caso teremos que atallar o problema e facer unha reparación da cuberta en condicións que atalle o problema das goteiras dunha vez por todas”, engade. “Somos conscientes de que o pavillón non pode estar nestas condicións e que a reparación da cuberta é unha obra necesaria”. Por iso, o goberno municipal ten previsto volver a contemplar a actuación no proxectos dos orzamentos de 2014, ampliando a partida prevista.
Reunión con Educación
Ademais Klaus Brey recoméndalle tamén ao voceiro do PP que se acorde do pavillón da Bandeira na reunión que manterá o luns co xefe territorial de Educación polo patio co CEIP de Silleda. “Agardamos que Espiño aproveite a ocasión e quelle pida de paso financiación á Xunta para facer esta obra, que agora tanto reivindica, porque o pavillón da Bandeira é un dos recintos que utilizan os alumnos e alumnas do CEIP da localidade”, sinala.
Ningún comentario:
Publicar un comentario