O grupo municipal do Bloque Nacionalista Galego, a través do seu portavoz Rubén Cela, presentou en rolda de prensa unha iniciativa que levará ao Pleno de novembro, de non corrixirse totalmente a situación, para instar ao Goberno local a velar por un servizo de calidade nas escolas infantís. Tamén lle trasladará, para esixir un cambio drástico na súa actuación, as preocupacións e demandas das nais e pais, traballadoras e sindicatos.
O BNG defenderá que o Concello de Santiago se comprometa a velar polo bo funcionamento do servizo, tanto no que fai á súa función educativa como a súa función asistencial, garantindo en todo momento a calidade do mesmo. “Logo de confirmados os incumprimentos por parte da empresa concesionaria, o Concello debe aplicar de inmediato as penalizacións pertinentes, e de ser o caso, proceder á rescisión do contrato, tal e como se recolle no prego de condicións”, dixo Rubén Cela.
Na iniciativa, o grupo municipal nacionalista solicita tamén que o Concello promova a participación de pais e nais, fomentando o asociacionismo e a constitución de consellos de participación en cada centro.
“A preocupación dos pais e das nais pola situación das escolas infantís de Conxo e das Fontiñas verase reflectida nunha concentración este sábado pola mañá na praza do Toral”, concluíu.
Ningún comentario:
Publicar un comentario