Frades - Achega para o concello do fondo de compensación medioambiental

Frades e Mesía reciben unha achega de 70.000 euros do Fondo de Compensación Ambiental
Ambos municipios utilizaron os fondos para adquirir maquinaria e contratar persoal para realizar tarefas de recuperación e conservación das súas prazas e áreas recreativas
Os Concellos de Frades e Mesía veñen de recibir unha achega de 70.000 euros a través do Fondo de Compensación Ambiental, que permite ás entidades locais beneficiarse do canon eólico. Con estes fondos, os concellos adquiriron dous tractores cortacéspede e dúas desbrozadora e formalizaron a contratación do persoal necesario para a realización de traballos de recuperación e conservación medioambiental nos dous termos municipais, tales como a mellora de paseos, áreas recreativas e rutas de sendeirismo e limpeza de espazos forestais. Así o comprobou esta mañá a delegada territorial da Xunta na provincia, Belén do Campo, nunha visita a Frades, onde explicou que o importe da subvención acada o 70% do orzamento total do proxecto.

Acompañada polos rexedores de Frades, Roberto Rey, e de Mesía, Mariano Iglesias, recordou que o fondo de compensación ambiental reflicte un triplo compromiso da Xunta de Galicia, pois “resulta unha clara mostra da implicación do Goberno galego cos concellos e co medio ambiente, pero tamén da aposta polo reequilibrio territorial”. “A distribución do canon eólico, en definitiva, beneficia sobre todo a municipios pequenos e do interior e suponlles, ano tras ano, unha importante fonte de ingresos nestes momentos de dificultades económicas”, apuntou.

Colaboración Frades-Mesía
Pola súa banda, o alcalde de Frades agradeceu á Xunta de Galicia e a Belén do Campo o seu investimento en Frades e Mesía pois “esta maquinaria é moi necesaria para poder manter as nosas prazas públicas e as nosas áreas recreativas en bo estado”. Roberto Rey destacou tamén os bos resultados das últimas colaboracións co Concello de Mesía, como o punto limpo conxunto comprometido esta mesma semana polo conselleiro de Medio Ambiente, e anunciou que “seguiremos mantendo esta liña de colaboración co Concello de Mesía en vindeiras actuacións”.

O alcalde de Mesía tamén agradeceu á Xunta de Galicia esta aportación do Fondo de Compensación Ambiental porque “penso que nos fai un labor moi útil de recuperación de espazos públicos que será moi apreciado e disfrutado polos nosos veciños”. Así mesmo, defendeu esta liña de cooperación entre Mesía e Frades e apuntou que “a nosa idea é seguir con esta colaboración mutua pois somos concellos moi semellantes e as nosas necesidades son as mesmas”

Fondo de Compensación Ambiental
Ademais, da liña competitiva, o Fondo de Compensación Ambiental conta cunha liña non competitiva que establece un reparto das achegas entre aqueles concellos que teñen o seu territorio dentro dunha poligonal de delimitación dun parque eólico ou están afectados pola correspondente instalación de conexións ou vías de evacuación. Neste caso, os proxectos presentados desde os municipios serán financiados na súa totalidade. Na provincia da Coruña, o importe que recibirán os concellos a través desta liña supera os 2,8 millóns de euros.

Estas axudas concedidas polo Goberno autonómico están destinadas a financiar iniciativas orientadas á conservación da biodiversidade, ao impulso da eficiencia, ao uso sostible das enerxías renovables e á restauración e reposición do medio ambiente e reequilibrio territorial. Precisamente, a máxima representante do Executivo galego na provincia destacou que o ano pasado a Xunta autorizou aos concellos beneficiarios para que puidesen dispoñer do fondo para facer fronte ao gasto corrente, algo que afecta moito aos municipios. Ademais, como novidade para este exercicio, o Fondo de Compensación Ambiental poderá tamén empregarse en gastos de contratación ou mantemento de persoal.

Ningún comentario: