“O atraso dun ano na licitación do Centro Cívico do Romaño polas chapuzas do PP é unha nova mostra de como se está a gobernar esta cidade”
“É a antítese dun Goberno responsábel e cualificado para xestionar unha cidade que ademais é a capital do país”
O portavoz do grupo municipal do BNG, Rubén Cela, ao fío da presentación da concelleira de urbanismo da “relicitación” do Centro Cívico do Romaño-Vista Alegre logo da publicación o pasado luns no Boletín Oficial da Provincia do procedemento aberto de contratación das obras, indicou que o único que serviu foi para “pór en evidencia a incompetencia, unha vez máis, do Goberno municipal” constatado no feito de que esta licitación xa foi publicada no mesmo boletín o 5 de outubro de 2012. “Despois dun ano volvemos ao punto de partida por culpa do xeito chapuceiro de gobernar e aínda se atreven volver presentalo”, dixo.
Segundo o portavoz nacionalista “o atraso dun ano na licitación do Centro Cívico do Romaño-Vista Alegre por las chapuzas do PP é unha mostra máis de como se está a gobernar esta cidade”.
Ao final, o problema está en que estas “chapuzas do PP” páganas os veciños e veciñas, con máis demoras e/ou sobrecustes. O centro sociocultural do Romaño, iniciado sen o recoñecemento de crédito e os informes de fiscalización da intervención municipal son unha proba máis da pésima xestión do goberno popular. Acordar a deserción da licitación das obras de construción deste centro no mes de xullo implicou compensar os licitadores polos gastos ocasionados e o atraso por ter que tramitar un novo expediente”, indicou o portavoz nacionalista.
“É a antítese dun Goberno responsábel e cualificado para xestionar unha cidade que ademais é a capital do país”, concluíu.
Ningún comentario:
Publicar un comentario