BNG A Estrada - petición de dimisión do alcalde

O alcalde debe dimitir, A Estrada non necesita un aprendiz de Baltar
O BNG da Estrada, a través do seu portavoz municipal, Xosé Magariños, e o responsábel local, Xosé Manuel Baños, veñen de pedir a dimisión do alcalde, así como a destitución do coordinador de réxime interno do concello, un posto de libre de designación, logo das informacións do xornal El País, que apuntan a que ambos os dous amañaron unhas oposicións para un “amigo do alcalde” que finalmente conseguiu a praza.

Xosé Magariños afirmou que “A Estrada non necesita un aprendiz de Baltar, A Estrada necesita un goberno municipal que mire polos intereses de todas as veciñas e veciños e non polos amigos do PP e do alcalde”. “As gravacións reflectidas na información de El País son moi claras ao respecto, e deixa en evidencia ao Sr. López, que, alén das responsabilidades penais que se poidan derivar deste claro caso de nepotismo, o alcalde ten que dimitir”.

O concelleiro nacionalista tamén explicou que “isto demostra explicitamente o que xa sospeitabamos no BNG, que o PP estaba a despedir traballadores que non lle eran afíns para enchufar aos amigos do alcalde, xa que son tres os casos de despedimentos improcedentes, que logo son substituídos por persoas afíns ao PP”. “Esta é unha política desastrosa para as arcas municipais”, afirmou Xosé Magariños, “xa que este tipo de prácticas supóñenlle ao concello preto de 100.000 euros das arcas públicas, entre indemnizacións e custes de avogados, que non defenden os intereses do concello, senón os intereses do PP, tal e como se está vendo”.

Por outra parte, Xosé Manuel Baños, responsábel local do BNG, instou ao PP a tomar medidas neste asunto e pediulle a ”Feijóo, como presidente do PP galego, e Louzán, como presidente provincial desta formación política, que teñen que apartar das súas filas a esta mazá podre e forzar a súa dimisión, porque se non o fan serán cómplices deste tipo de prácticas nepóticas no noso concello, unhas prácticas que as veciñas e veciños da Estrada non toleran".

Ningún comentario: