Brión - campamentos de verán 2013

CAMPAMENTO INFANTIL, CAMIÑO DE FISTERRA, PIRAGÜISMO, INFORMÁTICA E XOGOS EN FAMILIA, PROTAGONIZAN O PROGRAMA DE VERÁN DE BRIÓN
O prazo de inscrición estará aberto ata o 31 de maio na Casa da Cultura ou no 981 50 99 08

O Concello de Brión vén de presentar a súa programación de verán, que inclúe a celebración dun campamento infantil, a realización do Camiño a Fisterra, cursos de piragüismo e informática, así como unhas novidosas tardes en familia. Unhas actividades para as que xa está aberto o prazo de inscrición na Casa da cultura (981 50 99 08) ata o 31 de maio.

Este programa de verán vén cheo de novidades. A primeira delas é a desaparición do campamento urbano, substituído este ano por un campamento infantil, que terá lugar en Ribadeo ou en Boiro. Un campamento organizado en dúas quendas, de 30 rapaces cada unha. A primeira terá lugar do 2 ao 8 de agosto e está dirixida a nenos e nenas de entre 7 e 10 anos. A segunda quenda será do 8 ao 14 de agosto, con rapaces de entre 11 e 14 anos. En ambos casos, o prezo será de 100 euros. 

Outra das novidades será a realización do Camiño de Santiago a Fisterra, iniciativa dirixida a mozos e mozas de entre 13 e 18 anos. A viaxe terá lugar entre o 15 e o 20 de xullo. Hai 30 prazas dispoñibles e o custo de inscrición é de 75 euros.

Tardes de verán
E pensando na conciliación familiar, o Concello de Brión presenta dúas ofertas para as tardes do verán. A primeira é unha novidade: as “Tardes de verán”, que inclúe actividades ao aire libre pensadas para toda a familia. Neste caso, as inscricións realizaranse a partir do mes de xuño, segundo se vaian realizando iniciativas. Canda elas estará presente un dos grandes clásicos do verán brionés: os obradoiros de novas tecnoloxías para rapaces. Este ano terán lugar de luns a xoves, en horario de tarde e do 1 ao 31 de xullo. Hai 50 prazas (10 por grupo) e a cota de inscrición 

é de 20 euros.
Por último, o programa de verán do Concello de Brión inclúe unha nova edición do curso de piragüismo, que terá lugar nas instalacións de Ons. Está dirixido a rapaces entre 6 e 16 anos (30 euros) e a maiores de 16 anos (40 euros). O curso terá lugar todos os venres pola tarde entre o 7 de xuño e o 30 de agosto. Hai 100 prazas dispoñibles.

Ningún comentario: