PSOE Teo - iniciativa para o pago aprazado de impostos e taxas

INICIATIVA SOCIALISTA PARA O FRACCIONAMENTO DOS IMPOSTOS E TAXAS EN TEO
Uxía Lemus, concelleira do PSdeG PSOE en Teo ven de presentar unha moción para modificar as ordenanzas fiscais do Concello de Teo a fin de permitir o fraccionamento voluntario no pagamento das obrigas tributarias.
Tendo en conta a situación actual de crise xeralizada, con mais de 1.700 persoas en situación de desemprego en Teo, o PSdeG-PSOE é consciente que unicamente coa actuación municipal non se pode acabar con esta crise.

Igualmente consideramos que, en cambio, si se pode contribuír a paliar en parte a situación de aquelas familias que se atopan en peor situación económica, por exemplo, por mor do desemprego.

No Concello de Teo, existen multiplicidade de ordenanzas fiscais de taxas, prezos públicos e impostos de tipo municipal, que nalgúns casos xa inclúen deducións pola capacidade económica dos suxeitos pasivos ou contribuíntes.

Pero esta iniciativa vai mais aló e pretende unha revisión completa do conxunto de ordenanzas, a fin de adecuar as mesmas a esta situación desesperada de moitas das familias, co fin que desde o ámbito municipal, o mais preto á cidadanía, se facilite a súa vida, ao incluír, conforme ao permitido legalmente, a posibilidade de fraccionamento do pagamento das cotas tributarias, para que se facilite o pagamento das mesmas a unha cidadanía que pasa momentos complicados.

Así impostos como o IBI ou taxas como a existente por servizos de hixiene urbana supoñen unha carga impositiva que moitas das familias preferirían poder fraccionar, a fin de aliviar na medida do posible esta carga.

Co obxectivo de mellorar a calidade de vida dos e das teenses que se atopan nunha situación complicada pola falta de recursos económicos, o PsdeG de Teo decidiu solicitar do goberno local a modificación das ordenanzas fiscais do Concello de Teo, co fin de introducir a posibilidade voluntaria de fraccionamento no pagamento das obrigas tributarias, alomenos do IBI e da taxa por servizos de hixiene urbana.

Ningún comentario: