Frades - cursos formativos de manipulación de alimentos e informática


O CONCELLO DE FRADES CONVOCA DOUS CURSOS FORMATIVOS PARA O VINDEIRO MES DE XUÑO: MANIPULADOR DE ALIMENTOS E INFORMÁTICA
O Concello de Frades vén de convocar dous cursos formativos para o vindeiro mes de xuño: manipulador de alimentos e informática. Dous cursos para os que xa está aberto o prazo de inscrición na propia casa do concello ou chamando ao teléfono 981 695 567.

O curso de manipulador de alimentos, de 10 horas de duración (3 delas presenciais), está dirixido a todos aqueles veciños e veciñas interesados en conseguir ou en renovar este carné, que facultan aos alumnos para obter traballo en empresas relacionadas coa manipulación de alimentos no sector hostaleiro (camareiros, panadeiros, dependentes de ultramarinos), alimentario, comedores escolares... Ao longo deste obradoiro, os alumnos adquirirán coñecementos relacionados coa nutrición e coa hixiene e a manipulación dos alimentos. Ademais, analizarán os métodos para a conservación dos alimentos e os riscos que supón a súa alteración. O curso terá un prezo de 22 euros.

Pola súa banda, o curso de informática terá 50 horas de duración e un prezo de 60 euros. As clases terán lugar os luns e mércores, en horario de 21:00 a 23:00 horas, na aula de informática do Concello de Frades. O número máximo de prazas dispoñibles é de 15, polo que os alumnos recibirán unha formación personalizada e adaptada ao seu nivel de coñecementos. Durante o curso, os alumnos aprenderán cuestións básicas de ofimática, manexo do sistema operativo Windows e de programas do entorno Office (Word, Excel, Access...), e introduciranse noutros temas como as redes sociais, a busca de información na Internet, etc. 

Ningún comentario: