Nani García Trio no Dado Dada e Joshua Redman Quartet no Teatro Principal
O gran saxofonista Joshua Redmand Quartet (mércores 15 de maio) ás 21.00h no Teatro Principal. Entradas á venda 12 euros (anticipada) / 15 euros (billeteira). Na billeteira do Teatro Principal. Aberta de martes a sábado (+ días de evento) de 18.00 a 21.00h, entradas.novagaliciabanco.es, 902 434 443
Nani García Trío. Desde a publicación en 2009 de 5 (última gravación de Clunia), Nani García retomou con asiduidade a súa actividade jazzística despois de forxarse unha reputada traxectoria como compositor de bandas sonoras, entre as que cabe destacar as laureadas De Profundis ou Arrugas.
Nani García Trío dará un concerto este sábado no Jazz Club Dado Dada ás 22.30h. Entrada a 10 euros.
Nani García - Piano
Simón García - Contrabaixo
Miguel Cabana - Batería
O afeccionado ao jazz coñecémoslle, con todo, por fundar aos mencionados Clunia, formación que editaba en 1983 o primeiro disco de jazz con factura galega e que recibía o Segundo Premio ao Mellor Grupo no Festival de Jazz de San Sebastián mentres el levaba a casa o correspondente á Mellor Composición. Moito choveu desde entón, pero o paso do tempo non minguou o olfacto jazzístico de Nani García. Renaissance (Xingra 2012) é o froito dun intenso traballo ao longo dos últimos anos perseguindo unha liña que enlaza a era do bop co jazz de autor e as coordenadas galaicas. Coa elección de Simón García e Miguel Cabana como membros da nave, o coruñés completou unha vigorosa sección rítmica que parece ter visos de continuidade e que ademais é especialmente vistosa en directo. Benvido sexa pois o seu “renacemento”.
Joshua Redman Quartet. A avogacía estadounidense perdeu a un colexiado o mesmo día en que o jazz gañou definitivamente a un grandísimo saxofonista.
O gran saxofonista Joshua Redmand Quartet acturará mércores 15 de maio ás 21.00h no Teatro Principal. Entradas á venda 12 euros (anticipada) / 15 euros (billeteira). Na billeteira do Teatro Principal. Aberta de martes a sábado (+ días de evento) de 18.00 a 21.00h, entradas.novagaliciabanco.es, 902 434 443
Joshua Redman - Saxo
Aaron Goldberg - Piano
Reuben Rogers - Contrabaixo
Gregory Hutchinson - Batería
A avogacía estadounidense perdeu a un colexiado o mesmo día en que o jazz gañou definitivamente a un grandísimo saxofonista. A encrucillada, resolta en 1991, podería parecer unha obviedade tendo en conta que o mozo Joshua, dotado dun enorme talento, absorbera ademais innumerables horas de música de todo tipo (Coltrane, Rollins, The Beatles, The Police, Prince etc) da man do seu proxenitor Dewey Redman, saxofonista nas filas do mesmísimo Ornette Coleman. A súa intención, con todo, non era a de dedicarse profesionalmente á música. O azar ou o espírito dos sostidos e os bemoles pousou finalmente os seus pés sobre a escena jazzística de Nova York, onde pronto irmándase co máis selecto da súa xeración: Peter Bernstein, Roy Hargrove, Mark Turner etc. Aos cinco meses gaña a competición internacional de saxofón Thelonious Monk e comparte escenario con ilustres colegas do seu proxenitor: Charlie Haden, Elvin Jones, Joe Lovano, Pat Metheny... Con este último grava o seu segundo disco Wish (Warner Bros 1993) no que tamén figuraban Haden e Billy Higgins. É evidente que o seu “wish” cumpriuse. Ao ano seguinte apuntaba aínda máis alto ao liderar, xunto a Brad Mehldau, Christian Mc Bride e Brian Blade, un cuarteto estratosférico. Desde entón xa só el mesmo pode facerse sombra e os seus pasos cóntanse como conquistas. A de 1998 foi a de reunir, para gloria do jazz, o seu segundo cuarteto estable, formado polos músicos que vas ter a sorte de escoitar: unha maquinaria demoledora para arroupar a un saxofonista que che porá os pelos de punta. Inventiva desbordante, dominio absoluto, fluidez exquisita e a máxima entrega. Estás ante un clásico sen ningún xénero de dúbidas. Necesitaban realmente os Estados Unidos un avogado máis?
Ningún comentario:
Publicar un comentario