Ames Nono – Ames – chamamento a secundar a folga

Ames Novo fai un chamamento á cidadanía de Ames a secundar a folga xeral e as mobilizacións do 29 de marzo

Ames Novo fai un chamamento á cidadanía de Ames a secundar a folga do vindeiro xoves, día 29, convocada polas centrais sindicais maioritarias CIG, CC.OO e UGT, así como acudir ás manifestacións convocadas, en resposta ás medidas que o goberno está a adoptar tanto no ámbito laboral, con recortes de dereitos que nos fan recuar moitos anos atrás, e que segundo palabras do propio goberno, van aumentar o paro no prazo curto, recortar os servizos básicos, aumentar a presión fiscal e os prezos, o que vai empobrecer á maioría da poboación e beneficiar a unha minoría, abríndose cada vez máis o abano das diferenzas económicas entre os que máis teñen e os que apenas teñen para vivir.

Moitas destas medidas xa foron postas en práctica tamén polo noso goberno local, e o noso Grupo Municipal sempre se opuxo a elas, conseguindo nalgúns casos mitigalas. Pero agora é o conxunto da cidadanía a que debemos conseguir facer entender aos distintos gobernos que este non é o camiño: seguir empobrecéndonos, limitando os nosos dereitos e reducindo os servizos públicos para favorecer aos verdadeiros causantes da crise, a banca, a grande empresa, os especuladores. O chamamento para que a mobilización sexa masiva é a toda a cidadanía, non só a quen ten traballo. Entre todas e todos debemos cambiar este estado de cousas.

Quen teñen dúbidas sempre aducen o argumento de que estas mobilizacións non serven para nada. Primeiro, non é certo, pois gobernos anteriores se teñen visto obrigados a cambiar as súas políticas, pero sobre todo non facendo nada si que non se vai cambiar nada, e executan este tipo de agresións contra os intereses maioritarios van verse reforzados.

O Grupo Municipal de Ames Novo vai secundar a folga e quere denunciar que o goberno Popular pretende coartar o dereito á folga. Os grupos de Ames Novo e Socialista solicitaron hai dez días aprazar o día do Pleno para poder compatibilizar o dereito á folga co mandato de representación cidadá; o Alcalde negouse a aprazalo, limitando tamén o dereito dos traballadores e traballadoras do Concello que nese día teñen que prestar apoio á celebración do Pleno.

Que ninguén quede parado en Ames, facemos unha chamada a prol da mobilización o día 29, convocamos a todos os veciños e veciñas de Ames a participar na folga e a acudir ás distintas manifestacións convocadas.

Ningún comentario: