O EQUIPO DE ANIMACIÓN Á LECTURA DE KALANDRAKA OFRECE UNHA SESIÓN DE CONTOS E MÚSICA ABERTA AO PÚBLICO
A actividade, no marco da XIII Campaña de Animación á Lectura do Concello de Santiago que promove o Departamento de Educación, será mañá sábado ás 12h. na Galería Sargadelos
Nenos e nenas, nais e pais, profesorado e persoas interesadas nos libros e na lectura están chamados a asistir á sesión de contos e música aberta ao público que se celebrará hoxe sábado 4, a partir das 12:00 horas na Galería Sargadelos de Santiago (Rúa Nova, 16). A actividade enmárcase na XIII Campaña
de Animación á Lectura que organiza o Departamento de Educación do Concello de Santiago en colaboración con KALANDRAKA, co lema “Unha bandada de contos”.
Trátase da primera actividade aberta á cidadanía, á que seguirán, o 11 de maio, dúas sesións especiais de contacontos para bebés, ás 11:30 e 12:30 horas.
Ata o 25 de maio, a Galería Sargadelos permanece convertida nun pequeno museo de ilustracións, instalacións artísticas e libros no que -de luns a venres- estanse realizando sesións de contos e música para escolares, así como obradoiros infantís de escrita e plástica creativa. Uns 4.500 alumnos e alumnas dos centros educativos de Santiago participarán na programación ata o seu remate.
Na sesión de hoxe, a narradora Patricia González e o músico Álex Fente guiarán o público a través dos espazos especialmente ambientados para cada conto, cunha exposición chea de colorido polas ilustracións e os elementos tridimensionais que a conforman.
O percorrido comeza con “Bandada”, a obra coa que os mexicanos Julia Díaz e David Álvarez gañaron o V Premio Internacional Compostela de Álbum Ilustrado. O ilustrador británico Anthony Browne é o autor de “No bosque”, outro dos relatos do repertorio, que precede a “Niños”, dos arxentinos Pepe Márquez e Natalia Colombo. Entre un e outro, os nenos cruzan unha arboreda de contos na que se mesturan os elementos protagonistas de cada historia.
Na recta final da visita, os escolares sitúanse ante un escenario ambientado no conto “A galiña vermella”, a partir das ilustracións do italiano Marco Somà. E para renderlle homenaxe á obra “Cantares gallegos” no 150 aniversario da súa publicación, a visita remata nunha sala na que o público achégase visualmente á figura de Rosalía de Castro, a través dunha proxección de imaxes da súa vida e dunha selección de ilustracións da artista plástica Belén Padrón para o poemario “Rosalía de Castro, escolma poética”, publicado na colección Trece Lúas de Faktoría K.
Con esta dinámica, non só se favorece o achegamento aos libros a través da expresión oral e da música,
senón que tamén se desenvolve a sensibilidade estética ao coñecer obras e estilos de diferentes artistas
plásticos de Europa e de América.
Ningún comentario:
Publicar un comentario