Santiago, 07/07/2016 - O emprendedor David Sánchez
viaxará coa iniciativa Yuzz a Sillicon Valley ao ser elixido o seu proxecto Pyrkaia
Firing System, de creación, deseño e xestión de espectáculos de pirotecnia,
como o mellor do centro YUZZ Santiago de Compostela, no que traballaron durante
cinco meses 25 emprendedores –seleccionados de entre máis de 70 solicitantes– para
converter as súas ideas empresariais en proxectos.
Pyrkaia ofrece solucións tecnolóxicas orientadas ao
sector de eventos pirotécnicos. O principal produto consiste nun programa
informático de simulación dun espectáculo de música e pirotecnia cun software
que permite deseñar e sincronizar miles de efectos pirotécnicos cunha interfaz
sinxela e clara. Usando as últimas técnicas de modelado 3D e realidade virtual
pódese previsualizar o espectáculo sen necesidade de probalo, o que permitirá ás empresas de pirotecnia
conseguir un aforro en custes de ata un 70 %.
Os gañadores da sétima edición do programa Yuzz que
dirixe CISE co patrocinio de Banco Santander e a colaboración en Santiago da
USC e da Secretaría de Emprego da Xunta de Galicia, déronse a coñecer este
mércores no Paraninfo da Universidade. A entrega estivo presidida polo adxunto
a reitor para Transferencia, Innovación e Emprendemento, Manuel Cotos, e nela
participaron ademais o subdirector xeral de Emprego, Juan José Lirón; o xerente
de Institucións de Banco Santander, José Manuel Guinarte; a coordinadora do
Centro Yuzz Santiago, Elena Pernas; e o representante da delegación de SECOT
(Voluntariado Senior de Asesoramento Empresarial) en A Coruña, Hilario de
Pablos.
O Centro Yuzz Santiago conta así nesta convocatoria con
dous participantes gañadores da viaxe a Silicon Valley, xa que Andrea Aguilella
conseguiu ser elixida co seu proxecto Enelatril ao gañar o concurso ‘Este é o
meu pitch’ do YuzzDay celebrado o pasado maio en Santander.
Dous premios adicionais e finalistas
Logo da exposición pública dos proxectos en xuño, o
xurado decidiu seleccionar tamén Sadvia, unha axencia de asesoría científica
creada polas emprendedoras Matilde Durán Lobato e Sofía Mendes Saraiva, como
finalista de Santiago para o premio YUZZ Mujer patrocinado pola Fundación EY dotado
con 20.000 euros.
Pola súa banda, a startup e4Legal para desenvolver un
entorno legal 4.0 que inclúe asesoramento financeiro impulsada por Antonio
Padín resultou finalista para YUZZ Fintech e poderá optar a catro meses de
aceleración da idea nos espazos de innovación da Cidade Grupo Santander.
Gallatbox, seleccionado como segundo finalista del Centro
Yuzz Santiago, está promovido por Aitor
Garcia Solla e consiste no desenvolvemento dunha solución hardware dun módulo
acoplable aos portátiles para optimizar a súa potencia gráfica. O terceiro
finalista local é MeetLab, co que os emprendedores Raquel Lama e Ramón Maceiras
van desenvolver unha tenda en liña de servizos de biotecnoloxía. Ambos os dous
disporán de 6 meses de incubación virtual gratis na incubadora de empresas da
USC Uninova.
Silicon Valley
David Sánchez obtivo unha praza para viaxar a Silicon
Valley xunto outros 48 gañadores de toda España seleccionados como os máis
brillantes da actual edición de YUZZ e que tamén poderán optar aos premios
nacionais, dotados con 30.000, 20.000 e 10.000 euros para o primeiro, segundo e
terceiro premio respectivamente.
A viaxe inclúe visitas a
empresas como Google, LinkedIn ou Facebook e conferencias en universidades como
Berkeley ou Standford. Coñecerán tamén o Spain Tech Center (STC) -impulsado por
Banco Santander, ICEX e Red.es-, cuxa meta é facilitar a implantación de pemes
de base tecnolóxica española nun das contornas máis dinámicas e competitivas do
mundo. Xa
en España, os 49 mozos e mozas participarán na Cidade Grupo Santander de
Boadilla del Monte na final de YUZZ 2016.
Un trampolín para ideas innovadoras
El proxecto YUZZ comezou
en 2009 con dous centros, en Barcelona e Madrid, como un viveiro tecnolóxico de
grandes ideas. Desde entón alcanzou xa os 48 Centros YUZZ en España, con máis
de 1.000 participantes por edición, nos que se ofrece de forma gratuíta
formación e acompañamento durante cinco meses a persoas de entre 18 e 31 anos
para que poidan desenvolver os seus propios proxectos. Nas súas seis edicións
anteriores creáronse máis de 500 empresas, e na de 2016 participaron 1.000 emprendedores
con 810 proxectos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario