![]() |
| Fest do Neno no 2014 |
Frades, 08/07/2016 - A
piscina municipal de Papucín acollerá este sábado 9 de xullo, a partir das
16:00 horas, a celebración do “Día do Neno”, organizado polo Concello de
Frades. Unha gran festa que se realiza por oitavo ano consecutivo e na que os
rapaces e rapazas poderán xogar tanto cos tradicionais xogos de inchables de
terra como con inchables de auga, que adoitan ter moito éxito entre os
pequenos.
A entrada é totalmente libre de balde e o Concello de Frades ofrecerá un
variado programa de actividades con xogos, obradoiros, festa da escuma,
lambonadas e merenda, que correrá a cargo do obradoiro “Ponlle as pilas ao
teu bocata”, unha iniciativa da Xunta de Galicia para dar a coñecer entre
os menores as vantaxes das conservas galegas do mar ao tempo que lles dá aos
pequenos a oportunidade de elixir os ingredientes para faceren os seus bocatas.
Ademais, o Concello de Frades porá a disposición dos pequenos e das súas
familias, tamén de xeito gratuíto, un tren turístico que os levará polas
distintas parroquias do municipio. Un tren que alternará viaxes curtas de 15
minutos con percorridos de 45 minutos e nas que se lles amosarán aos pequenos
as riquezas culturais e paisaxísticas das distintas parroquias de Frades.
Ás 18:00 horas terá lugar unha actuación especial a cargo do mago Dani
García, co seu espectáculo “Don Gelati”. Durante uns 50 minutos, o vendedor de
xeados Dani García terá que tirar de inxenio e da maxia para superar todo tipo
de imprevistos e impedir que os seus xeados se derretan.
Campionato de Pesca
Previamente, a partir das 10:00 horas, a área recreativa do Río Maruzo
(Céltigos) acollerá o XIII Campionato Municipal de Pesca Infantil do Concello
de Frades, unha actividade dirixida a menores de 16 anos que deberán estar
acompañados por un adulto. Para participar só é preciso ir provisto de cana e
cebo, xa que a participación é totalmente libre e de balde.
O alcalde de Frades, Roberto Rey, entregaralles cadansúa medalla a todos os
participantes, así como unhas lambonadas. O acto rematará cun pequeno almorzo a
base de empanada e bocadillos para repoñer forzas.

Ningún comentario:
Publicar un comentario