Santiago,
4/07/2016 - Un ano máis a USC acollerá a partir do próximo luns 4 os Campus
Científicos de Verán 2016, programa que conta coa colaboración de dezaseis
universidades pertencentes aos Campus de Excelencia Internacional seleccionados polo Ministerio de Educación e
Cultura e Deporte conforme á valoración realizada polos mellores proxectos de
achegamento científico presentados.
Campus Científicos de Verán diríxese a
estudantes de 1º de Bacharelato e 4º de ESO de centros educativos de toda
España co obxecto de fomentar a investigación científica así como o
desenvolvemento e a innovación tecnolóxica.
A
sesión inaugural destes campus celebrarase hoxe no
Salón de Actos do Colexio Maior Fonseca (Campus Vida) nun acto presidido polo
vicerreitor de Comunicación e Coordinación Xosé Pereira Fariña e ao que tamén
asistirá o delegado do reitor para o Ensino Medio e coordinador desta
actividade, Luis Hervella Torrón. Nas facultades de Farmacia, Matemáticas e
Física e na Escola Técnica Superior de Enxeñaría, os/as 120 estudantes que se
achegarán á USC poderán participar nos proxectos ‘A sustentabilidade do ciclo
da auga: un dos retos do século XXI’, ‘Buscando as partículas máis enerxética
do universo’, ‘A maxia dos hidroxeles’ e ‘MathematiXSI: Mathematical Scene
Investigation’ que dirixen Gumersindo Feijóo Costa, Ricardo Vázquez López,
Francisco Javier Otero Espinar e Mª Victoria Otero Espinar, respectivamente.
A
actividade dos campus estenderase ao longo de todo o mes de xullo. Na primeira
quincena participarán un total de 60 estudantes de 1º de Bacharelato
distribuídos en dúas quendas dunha semana e na segunda metade do mes outros 60
estudantes de 4º de ESO divididos tamén noutras dúas quendas dunha semana. A
finalidade é espertar entre o estudantado máis novo vocacións científicas e
avivar o seu interese polo polo estudo das ciencias como pola actividades
investigadora. Así, búscase favorecer a transferencia de coñecemento en talento
innovador e emprendedor, especialmente entre os máis novos.
Esta
é unha iniciativa organizada polos ministerios de Educación e de Economía e
Competitividade e a Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT) co
patrocinio da Obra Social la Caixa.
Ningún comentario:
Publicar un comentario