Francisco Rivadulla obtén unha das 44 axudas ‘Proba de Concepto’ do Consello Europeo de Investigación

Santiago, 08/07/2016 - Francisco Rivadulla, investigador no Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares da USC (CiQUS) acaba de ser recoñecido cunha das axudas PoC–Proof of Concept (Proba de Concepto) que concede o Consello Europeo da Investigación (European Research Council - ERC). Dotadas con 150.000 euros, a misión principal destas axudas é contribuír a salvar a brecha entre a investigación básica e o mercado, servindo de impulso nas primeiras fases de comercialización dun produto innovador.

 A iniciativa premiada, coñecida como ANTS (A New Technology of microthermal Sensing for application in microcalorimetry) conseguiu entrar na lista definitiva xunto a outros 43 seleccionados en toda Europa (5 de España) cun enfoque fundamental que emana dos resultados de investigación obtidos polo investigador da USC no marco do proxecto Starting Grant 2DTHERMS (Termoeléctricos Baseados en Nanoestructuras 2D de Óxidos), financiado igualmente polo ERC en 2010 cun millón e medio de euros.

ANTS

O obxectivo de ANTS é desenvolver un novo tipo de microsensor de temperatura de alta resolución temporal e espacial, baseado nun efecto magnetotérmico. Segundo explica o profesor Rivadulla, “as primeiras medidas xa permitiron determinar diferenzas de temperatura da orde dunha millonésima de grao a través de películas delgadas duns poucos nanómetros de espesor”. Agora “o que nos propoñemos con este proxecto é utilizar esta resposta eléctrica como un sensor térmico ultrasensible”.

Un aspecto de especial relevancia nesta proposta é que os elementos activos de detección están feitos dun único material, o que ofrece vantaxes importantes para a miniaturización cando se compara cos módulos Peltier clásicos que se utilizan na actualidade. Por outra parte, contan co valor engadido de que son fáciles de fabricar cos medios de deposición química tradicionais, así como a través doutros procedementos fotolitográficos estándar xa dispoñibles.

Ao longo do novo proxecto PoC-Proba de Concepto, os investigadores tratarán de optimizar esta resposta e deseñar un sistema capaz de medir variacións de temperatura moi pequenas –como as producidas nalgunhas reaccións químicas-, cunha boa resolución espacial e temporal. “O obxectivo é demostrar a viabilidade dun novo microsensor térmico para a súa aplicación nunha nova xeración de microcalorímetros, indo máis alá da tecnoloxía dispoñible a día de hoxe e mellorando enormemente a súa resolución térmica, temporal e espacial”, afirma Rivadulla.

O dispositivo proposto por ANTS pretende achegar unha ferramenta cuantitativa para determinar con maior precisión a enerxía involucrada en distintos procesos, o que permitirá a súa aplicación en múltiples áreas, dende o ámbito da catálise ata o estudo de interrelacións biolóxicas de interese como a interacción proteína-proteína ou ADN-proteína.


Coa concesión de esta Proof of Concept, el ERC confirma su aposta pola actividade científica da USC e as liñas de investigación de alto risco, financiando proxectos na fronteira do coñecemento co obxectivo de que permitan abrir novas ou inesperadas oportunidades de aplicación a nivel social e comercial.

Ningún comentario: