Santiago, 29/07/2016 - O portavoz do Grupo Municipal Popular, Agustín Hernández, amosou, esta mañá en rolda de prensa, a súa “fonda preocupación” polo futuro da Nave 5 do Mercado de Abastos, ante o escaso éxito da convocatoria para a concesión dos dez locais baleiros. “Podemos avanzar que vai ser un rotundo fracaso, xa que a metade dos postos van quedar desertos”, informou o voceiro popular, quen recordou que a convocatoria foi froito dunha decisión unilateral do Goberno municipal, realizada de xeito abrupto e precipitado.
“O Goberno local ten un dilema complexo: ou licitar de novo os postos que quedan baleiros, aínda que xa advertimos de que con este prego mal asunto; ou cambiar o prego e licitar os locais que quedan vacantes. Mal asunto, tamén, xa que suporía que a Nave 5 tería dous réximes distintos de concesión, o que xeraría un agravio comparativo ente os eventuais adxudicatarios actuais e os futuros adxudicatarios nunhas condicións diferentes”, incidiu o representante popular. Ante o escenario de que o 50% dos locais da Nave 5 queden baleiros tras o proceso de licitación que está marcha, Agustín Hernández instou ao goberno de Compostela Aberta a que “deixe sen efecto este procedemento, que vai acabar en fiasco, e volva licitar os locais da Nave 5 nunhas condicións que garantan o seu éxito”.
“Que reflexione -continuou-, que faga a audiencia pública acordada no pleno, que escoite aos diferentes sectores, que reformule o prego e dea o tempo suficiente para presentar ofertas”.
O voceiro popular puxo de manifesto o escaso número de licitadores que se presentaron á convocatoria, motivado polo pouco tempo -tan só 15 días- outorgado polo concello para a entrega das ofertas: “Tan só a dez empresas lles pareceu interesante a proposta do goberno de Compostela Aberta”. Á baixa concorrencia e á escaseza de ofertas, hai que engadir unha valoración moi pobre dalgunha delas e, tamén, a inseguridade xurídica que ocasiona a falta concreción dos pregos en relación coa actividade a desenvolver. “Non queda claro onde se van a consumir os produtos, xa que nos pregos fálase textualmente de que o destino final é principalmente o domicilio. Pero principalmente non é exclusivamente. Polo tanto, estamos seguros de que a explotación vai ocasionar un problema de interpretación e un problema de convivencia nese espazo da Nave 5”, explicou Agustín Hernández.
O portavoz do Grupo Municipal Popular insistiu, ademais, en que o modelo final formulado polo goberno de Compostela Aberta segue a xerar moitas dúbidas. Por iso, amósase convencido de que coa audiencia pública previa “teríase evitado un prego confuso e tería obtivo unha concorrencia pública superior”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario