O Psoe de Teo acusa ao PP de desfachatez pola postura coa denegación do IDAE

Teo, 27/07/2016 - Os socialistas de teo critican a postura do Partido Popular do concello, en contraposición coa do partido a nivel rexional, por cargar a responsabilidade no goberno municipal e non no IDAE. Este é o comunicado publicado polos socialistas:
Os Socialistas de Teo amosamos a nosa sorpresa ante a inaudita postura do PP de Teo respecto á denegación da axuda solicitada polo Concello de Teo ao Instituto para la Diversificación y Ahorro de la Energía, polo uso de galego nun informe oficial.

En primeiro lugar, chama a atención a “demora” en posicionarse neste tema, unha vez que desde todos os partidos políticos, incluído o seu a nivel galego (xa o xoves 21, o presidente da Xunta, e presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijoo, cualificou esta denegación de “disparate”), e outras asociacións de diferentes ámbitos xa amosaran a súa oposición a tal medida.

Ademais, chama a atención que sexan os únicos (nin sequera o seu propio partido a nivel galego o fixera) en sinalar que esta denegación é responsabilidade da administración municipal teense, como se o uso dun idioma cooficial fose unha neglixencia. Desta forma, a rectificación solicitada ao IDAE, supostamente remitida polo PP de Teo por carta, queda en papel mollado, como unha postura claramente cara a galería, xa que entenden que enviar un documento en galego pode ser cualificado como un “nulo proceder do Concello nos procedementos administrativos”.

En terceiro lugar, e en palabras de Uxía Lemus, responsable do programa Teo Sostible onde se encadra esta solicitude de axudas, “é unha desfachatez que o PP de Teo reclame ou critique calquera asunto sobre este tema, cando no Pleno do mes de abril deste ano, abstivéronse na votación para a inclusión do Concello de Teo neste programa de axudas, mentres que contou cos apoios tanto dos partidos no grupo de goberno como co BNG.

Un partido que hai escasamente 3 meses consideraba que non podía apoiar a participación de Teo nesta importante axuda estatal, agora ven dando leccións de como o executivo local prexudica aos veciños se non se acada esta axuda”.



Os Socialistas de Teo amosamos o noso máis absoluto rexeitamento por esta manipulación do PP teense, que non é novidade pero que é especialmente escandalosa por ser un tema onde o consenso na defensa do noso idioma era total (incluído o seu partido a nivel galego), ante a disparatada resolución de denegación do IDAE, dependente do Ministerio de Industria.

Ningún comentario: