O PP de Ames critica a subida dos prezos das escolas deportivas municipais.

Ames, 28/07/201 - No próximo pleno do mes de xullo, debaterase a proposta do goberno tripartito para subir os prezos das escolas deportivas municipais.
Cos prezos que se viñan cobrando ata o de agora, e segundo o informe de Intervención - Secretaría nº 17/2016, cóbrese o 54,82% do custe do servizo. A proposta de incremento de prezos do goberno, tal e como reflicte o mesmo informe, pasaría a cubrir o 82,95% do custe do servizo.

Cumpre lembrar que no anterior mandato, o Partido Popular traballou activamente, e con moito sentido común, co obxectivo de cambiar pouco a pouco o que se viña facendo e poder mellorar o deporte no noso Concello, garantindo a continuidade do servizo das denominadas “Escolas Deportivas Municipais”, que naquel momento contaban cun déficit superior aos 160.000 euros. Daquela, as taxas pagadas polos usuarios apenas supuñan aproximadamente o 15% do custe total do servizo.

Para reducir dito déficit e garantir a continuidade do servizo, propúxose aos demais grupos a suba dun euro mensual da taxa a pagar. Esta medida tivo que aprobala en solitario o Partido Popular, e foi duramente contestada pola oposición daquel entón.

Así, dende o Grupo Socialista, a entón concelleira Patricia Conde explicou que a proposta do PSOE era a de ir subindo as taxas de maneira progresiva, pois “o grupo socialista cree que o deporte é unha política social mais. No momento no que as escolas deportivas botaron a andar establecéronse uns prezos asumibles para que toda a cidadanía puidera participar nestas actividades. Dende a posta en marcha deste servizo existe un déficit, pero este gasto enténdese coma unha inversión en hábitos saudables e deportivos. Trátase dun déficit asumible para o Concello. Polo tanto, estamos en contra da suba de taxas que acordou o goberno municipal”. Mentres tanto, o BNG matizaba que “non se trataba de ningunha actualización, e o PP non valora o deporte como servizo público”.

Desenvolvidas así as cousas, o PP de Ames aprobou en solitario un prezo público de 32 euros para os menores de 18 anos e de 48 euros para os maiores. Ao mesmo tempo, contemplábanse deducións para os supostos de que se participase en dúas actividades, e para aqueles casos nos que un 2º ou 3º membro da familia realizase tamén ditas actividades deportivas.

Parece que os partidos que forman o goberno tripartito esquécense de todo o manifestado con anterioridade, e segundo recolle a correspondente “Providencia de Alcaldía”, “para a adecuación da tarifa dos servizos deportivos considerase necesario a modificación da ordenanza fiscal dos prezos públicos de servizos deportivos co obxecto de adecualos na medida do posible ao custe do servizo”

Pretende, con este argumento rexeitado anteriormente, e con outros coma o de que “cando se paga pouco o abandono das actividades é moi alto”, incrementar os prezos ata acadar, como xa se mencionou, o 82,95% do custe do servizo.

Para elo, o goberno tripartito suprime os beneficios anteriores establecidos para os supostos de que se participase en dúas actividades, e para aqueles casos nos que un 2º ou 3º membro da familia realizase tamén ditas actividades deportivas.

Por se isto fose pouco, incrementa os prezos pasando de 32 a 60 euros para os menores de 18 anos; e de 48 a 75 euros para os maiores de 18 anos.

Como exemplo da suba, unha familia con dous nenos que queiran acudir a dúas actividades deportivas, actualmente terían que pagar 72 euros, pero coas tarifas do goberno tripartito terían que pagar 240 euros. É dicir, 168 euros máis.

Esta non é a primeira subida de presos para as familias amienses, xa que no mes de abril o goberno aprobou as novas tarifas da auga que suporá un incremento de ata 60 euros no recibo do abastecemento e o saneamento para as familias, que comezarán a sufrir nos recibos de finais de ano. Trátase dun novo sablazo ao peto dos veciños de Ames, aínda que en opinión do goberno se trate dunha proposta moi positiva.

Ningún comentario: