Ames, 26/07/2016 - O goberno de Ames dá un novo paso cara a pechar
un convenio coa consellería de Sanidade, que permita o inicio das obras do tan
demandado centro de saúde do Milladoiro. A pasada semana o Sergas enviou
o texto definitivo no que solicita unha bonificación do 95% para o pago do ICIO
ao Concello, tal e como permite a lei. Para elo o goberno debe levar ao pleno a
modificación desta ordenanza, xa que nesta recóllese unha bonificación do 90%,
en vez do 95%.
O goberno de Ames xa tiña
convocadas as comisións informativas, previas ao pleno ordinario do mes de
xullo, para este mesmo venres, pero ante esta solicitude non se quere atrasar o
máis mínimo ningún tipo de trámite que teña relación co novo centro de saúde do
Milladoiro, polo que incluíuse de forma urxente este asunto na comisión de
economía e facenda. Na comisión celebrada a última hora deste venres o goberno
doulle conta aos partidos da oposición dos pasos que hai que dar neste senso.
Con este novo paso, Miñones
solicitou xa a sinatura do convenio de colaboración coa Consellería para a
próxima semana. "O goberno ten presa por acurtar os prazos e sabemos que
do diálogo e a boa disposición pódese chegar a acordos e por elo agradecemos á
Consellería todo o esforzo que está a facer", indica o rexedor municipal.
Dende o Concello informan que o pasado martes enviouse tamén o texto definitivo
do convenio que se pretende asinar co propietario das parcelas, que engloban a
zona onde se situará o centro de saúde, e esperan a contestación final para
fixar data da súa sinatura.
Outros asuntos tratados nas comisións informativas
Nas comisión informativas
abordáronse outros temas como a modificación da ordenanza fiscal reguladora do
prezo público por servizos culturais e deportivos. Esta ordenanza fai
distinción entre os menores e maiores de 18 anos. Asemade aplica desconto polos
membros da mesma familia que son usuarios/as do servizo. Realizado un estudo do
servizo, o custe estimado por alumno das escolas neste momento é de 77,52 euros
en case todas as modalidades deportivas, salvo algunhas actividades como a
natación e o predeporte, que ascenden a cantidades de 148 euros e 155 euros
respectivamente.
Tendo en conta que no
vindeiro curso se vai incrementar nun mes o servizo das escolas deportivas, e
despois de chegar a un acordo no Consello Municipal de Deportes, dende o Concello
considerase necesario a modificación da actual ordenanza fiscal dos prezos
públicos de servizos deportivos e culturais, no que ás tarifas dos servizos
deportivos se refire, co obxecto de adecualas na medida do posible aos custes
do servizo, establecendo novas bonificacións por familia numerosa e un novo
período de pagamento.
Outro dos temas que se
abordou foi a desestimación, polos motivos expostos no informe emitido pola
secretaria municipal, do recurso de reposición formulado pola entidade mercantil
Acciona Augas Servizos SL contra o acordo plenario do 28 de abril de 2016, polo
que se aproba o expediente de contratación mediante procedemento aberto, oferta
máis vantaxosa e varios criterios de adxudicación, para a xestión do servizo
público do Ciclo integral da Auga do Concello de Ames. Consecuentemente,
denégase a solicitude de suspender o procedemento de licitación do citado
servizo do ciclo integral da auga.
Creación
do Consello asesor de comunicación
O goberno municipal tamén lle
proporá ao pleno a creación dun Consello asesor de comunicación, no que estea
incluída a radio municipal Ames Radio, e no que poidan ter
representación os diferentes sectores socias e profesionais afectados. Dito
órgano disporá dun presidente/a; un representante de cada un dos grupos
políticos municipais; cinco representantes, elixidos por elas mesmas, das
asociacións do concello, que estean inscritas no rexistro municipal de
asociacións, garantindo que haxa un representante de cada tipo de asociación
(asociacións de empresarios e comerciante; ANPAs; asociacións de veciños e
parroquiais, asociacións deportivas; e asociacións sociais e culturais); un
profesional do sector designado polo Colexio de Xornalistas de Galicia; un
técnico de Ames Radio; un representante dos colaboradores/as da radio
municipal; e un funcionario/a municipal que actuará como secretario/as. Este
consello reunirase de xeito ordinario, como mínimo, dúas veces ao ano durante o
primeiro e segundo semestre. Asemade, nas comisións informativas, tratouse a
aprobación do regulamento de organización e funcionamento da emisora municipal
de frecuencia modulada Ames Radio.
Por outra banda, tamén se
tratou a fixación des festivos locais para o exercicio 2017. A proposta do
goberno municipal é fixar como festivos locais o martes de Entroido (28 de
febreiro) e mailo día da Ascensión (25 de maio).
Ningún comentario:
Publicar un comentario