Pacto X Ames presenta unha moción para poñer en marcha o antes posible unha oferta formativa seria e con amplitude de horarios para a obtención da capacitación Básica e Cualificado do tratamento de fitosanitarios.
Seguindo na liña de políticas construtivas e propostas para a veciñanza de Ames, o grupo independente de Pacto X Ames rexistrou onte unha moción para instar a Xunta de Galicia e ao Concello de Ames a aumentar as accións formativas para a obtención do carné de fitosanitarios facendo especial fincapé nos cursos ON-LINE.
Incrementando estes cursos e habilitando a posibilidade de facelos ON-Line, alcanzaríase un dobre obxectivo. Por un lado darlle máis facilidades as persoas que desexen obtelo e por outro rematar cos numerosos desprazamentos que se están producindo fora de Galicia para a obtención dese carné, imprescindible para poder aplicar sulfatos e demais tratamentos fitosanitarios.
Para poder obter estes carnés de manipuladores e aplicadores de produtos fitosanitarios esíxese un nivel adecuado de formación e especialización a través dos diversos cursos de capacitación homologados existentes para a obtención dos mesmos, sendo en Galicia os máis demandados os cursos do nivel Básico e do Cualificado.
No que poderíamos denominar a área de influencia do noso Concello a nosa veciñanza só dispón do CFEA de Sergude, en Boqueixón, a OAC de Santiago, en Vedra ou a OAC de Negreira para poder realizar estes cursos de xeito de balde, e nos cales para o primeiro semestre do ano a Xunta de Galicia só ten previstos 5 cursos do nivel básico e tan só 1 do nivel cualificado, o cal resulta a todas luces unha oferta formativa insuficiente para a gran demanda existente nestes momentos.
A nivel privado conta con máis de 40 entidades autorizadas en Galicia para impartir estes cursos, pero na súa maioría o nivel Básico na modalidade presencial, sendo tan só cinco entidades as autorizadas para o nivel Cualificado, das que catro son en modalidade presencial e, unha vez máis, tan só unha para a modalidade semipresencial.Chama a atención tamén que nos tempos nos que vivimos, coas novas tecnoloxías ao noso carón, en Galicia non se dispoña dun maior número de cursos do modosemipresencial, e máis tendo en conta que o nivel de capacitación Cualificado é obrigatorio para profesionais na súa ampla maioría, persoas que obviamente teñen os seus traballos e unha xornada laboral que imposibilita en moitas ocasións que poidan asistir de forma presencial a 60 horas de formación como é o caso do nivel Cualificado, ou mesmo 25 horas no caso do Básico. Ao que tamén se lle suma que os horarios que establece o Centro de Formación Agraria de Sergude para a realización dos mesmos nas súas instalacións non favorece nin facilita tampouco a asistencia ás persoas obrigadas e interesadas.Isto motiva que vexamos como algúns dos nosos veciños e veciñas e moitos galegos acoden durante as fins de semana á Comunidade Autónoma de Castela e León para asistir a estes cursos, onde sí se permite esta modalidade incluso ás entidades colaboradoras.
Así mesmo nos temarios destes cursos trátanse cuestións como medidas para reducir os riscos sobre a saúde e o medio ambiente, e a perigosidade que estes produtos fitosanitarios supoñen para a saúde das persoas aínda que na práctica todos somos coñecedores de que a medida máis empregada para combater as pragas é principalmente a loita química.Polo que, dende a administración local, e dentro do novo modelo de traballo que se publicou na web do Concello en xullo do 2015 polo cal os operarios municipais das brigadas empregarían prácticas o máis respectuosas posibles co medio ambiente, declarando o noso Concello como espazo libre de herbicidas químicos, tamén se poderían levar a cabo actuacións de concienciación neste senso para a protección do medio así como da saúde tanto dos animais coma das persoas.
A parte dispositiva da moción e:
1. Instar á Consellería de Medio Rural:
a. A que á maior brevidade posible amplíe a súa oferta formativa a este respecto así como a súa distribución horaria.
b. Poñer en marcha unha plataforma online competitiva que facilite ás persoas obrigadas e/ou interesadas en realizar a formación para a obtención deste carné, así como a autorización ás entidades colaboradoras interesadas a que poidan desenvolver na nosa Comunidade esta modalidade de formación.
c. A tomar as medidas oportunas para dotar de persoal auxiliar e/ou de ferramentas que axilicen o departamento encargado da tramitación dos carnés de aplicador e manipulador de produtos fitosanitarios para evitar o retraso que se está a producir na emisión dos mesmos.
2. Instar ao Concello a levar a cabo accións tanto formativa como en forma de campaña para unha maior concienciación ambiental da nosa veciñanza no uso dos produtos fitosanitarios, e así facer pouco a pouco do noso Concello ese espazo libre dun bo número de herbicidas e produtos químicos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario