Leo Minax volve as Crechas

O brasileiro Leo Minax, de novo nas Crechas para presentar o seu novo disco, ‘Lo que no estaba escrito’. Será hoxe xoves as 21:00. Entre os artistas convidados, Leo compartirá escenario co tamén brasileiro Fred Martins
A Casa das Crechas ofrece hoxe xoves o concerto do artista brasileiro Leo Minax, que presentará o seu máis recente traballo discográfico, ‘Lo que no estaba escrito’. Con este novo disco, xa son sete os publicados en España por este músico. Tal como o seu anterior CD, este novo traballo de estudo tamén foi gravado en directo, cunha nova colección de cancións inéditas. Músico inquieto, colaborou con moitos artistas ao longo da súa carreira e desenvolve fai moito unha linguaxe musical propia no seu traballo de composición e interpretación. 

Este novo traballo gravouse xunto a Borja Barrueta á percusión, e Pablo Martín Caminero ao baixo, despois de que o artista publicase anteriormente o seu primeiro disco gravado en directo de estudo, ‘Sem tirar nem por’ - soamente con guitarra e voz -, e despois de que tamén fose publicado outro exitoso disco gravado en directo, ‘Lo mejor de cada casa’, froito da primeira colaboración discográfica xunto ao quinteto do artista danés, Steen Rasmussen. 

Animado e impulsado polo resultado destas dúas gravacións anteriores máis recentes, a forza da música en vivo moveu e orientou unha vez máis ao artista para levar a cabo o traballo de produción do novo disco que agora publica tamén no seu selo, AULANALUA RECORDS. 

Leo presentarase en acústico nas Crechas (voz e guitarra), e ensinará a forza das cancións de ‘Lo que no estaba escrito’ no seu formato orixinal, tal como foron concibidas. Tamén estarán no seu repertorio algunhas cancións dos seus discos anteriores.

A música, os discos e o directo de Leo Minax xa chegaron a moitos países. As súas cancións teñen versións feitas por diferentes intérpretes, de distintas nacionalidades. Traballou xunto a grandes artistas, tales como Arnaldo Antunes, Toninho Horta, Vitor Ramil, Iván Ferreiro, Uxía e Jorge Drexler, entre outros. 

Ningún comentario: