O portavoz de Industria do Grupo Socialista, Abel Losada, acusou ao goberno galego de amparar de novo os intereses das grandes empresas eléctricas ao avalar unha nova instalación eléctrica en Dombodán, no Concello de Arzúa. O responsable socialista advirte que a actuación é evitable e ten atopado a oposición frontal dos veciños e veciñas e da propia Corporación Municipal.
O responsable socialista presentou unha proposición non de Lei na Comisión de Industria celebrada hoxe para reclamarlle ao goberno galego que atenda á petición do Concello e anule a declaración de utilidade pública da instalación eléctrica. Propón como alternativa tanto o aproveitamento ou reforzamento das liñas xa existentes ou mesmo plantexar o soterramento da mesma, como ten feito nos concellos veciños.
Losada advirte que a instalación “obvia os intereses económicos, sociais e mesmo de saúde, antepoñendo intereses de carácter económico particular ao benestar dos veciños e veciñas da zona”. O parlamentario socialista lémbralle ao goberno galego que Gas Natural Fenosa acumulou uns beneficios de 7.100 millóns de euros nos últimos cinco anos, e que “ben poden asumir o custe do soterramento da liña”.
Acusa ao goberno galego de “poñerse de novo do lado dos poderosos” para levar adiante unha instalación próxima a vivendas e lugares de intensa actividade económica, e onde “xa existen tres liñas de media tensión e outras cinco de alta tensión”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario