O Goberno do Partido Popular aprobou a finais de 2012 a Lei 16/2012, que incorporaba medidas tributarias en diversos ámbitos, entre eles o ámbito local, modificando a lei do catastro inmobiliario aprobado polo real decreto 1/2004. Con esta lei consúmase un segundo “catastrazo”, ao recoller un proceso de regularización catastral, despois do realizado no 2011 cando se subiran os tipos impositivos aplicables ao IBI.
A regularización catastral, que rematará en decembro deste ano 2016, implica o pagamento dunha taxa de 60 € por cada alta no Catastro, e ademais implicará un aumento do valor catastral do inmoble revisado e, polo tanto, incrementará tamén a base impoñible do IBI. Iso tamén pode ter repercusión indirecta noutros impostos (IRPF, plusvalía municipal, sucesións) e mesmo incluso en subvencións públicas como as becas escolares dado que teñen módulos patrimoniais referenciados no catastro como límites obxectivos para accederen a ditas axudas.
En moitos casos, a variación na realidade física responde sobre todo á propia rehabilitación e restauración de inmóbeis para evitar o seu deterioro, incluso á conservación habitual dos mesmos, e aínda neses supostos os seus propietarios son requiridos para comunicar ditas modificacións. Iso levará, non só a abonar a taxa lineal, senón tamén a soportar un incremento impositivo no IBI simplemente por acometer obras necesarias de mantemento e mellora, tendentes a manter o valor patrimonial, en ningún caso por ter realizado actuacións co fin de aumentar dito valor. Estamos pois ante unha medida que non persegue unha maior equidade na carga fiscal, nin unha loita contra a fraude fiscal senón que so ten un afán recadatorio, que se dirixe a persoas con menor nivel de renda, en concellos con menor dinamismo económico e propietarios de explotacións agrarias.
Por iso, o grupo municipal do BNG ven de solicitarlle ao grupo de goberno que todas as construcións e edificacións auxiliares das vivendas rurais así como todas as edificacións vinculadas á actividade agraria ou gandeira teñan exencións no IBI. Que non haxa que pagar a taxa de regularización catastral en aquelas obras de rehabilitación ou conservación de edificacións vinculadas a actividade agraria, así como que non se lles esixa aos propietarios pagos retroactivos en exercicios anteriores do IBI.
Ningún comentario:
Publicar un comentario