Brión aproba no pleno de abril a adhesión ao proxecto "Vilas termais"

O pleno tomou coñecemento da renuncia da concelleira Patricia Agrafojo (PP) por motivos persoais e laborais. Será substituída por Saturnino Abete
O pleno municipal de Brión acordou por unanimidade solicitar a adhesión do Concello de Brión ao proxecto “Vilas termais”, posto en marcha pola Federación Española de Municipios e Provincias para promover as entidades locais con augas minerais e termais. Unha proposta presentada polo Partido Popular a raíz de que a Xunta de Galicia e a Fegamp instalasen no municipio varios carteis coa lenda: “Brión, vila termal”.

O voceiro municipal do PP, David García Arcos, destacou que en Brión “as augas están catalogadas e o recoñecemento de Brión como vila termal sería beneficioso tanto en materia de difusión turística como de promoción de Brión”. O alcalde, José Luís García, recoñeceu que a proposta dos populares “é algo beneficioso para o Concello”, pero anunciou que “ademais das augas termais do Tremo, en Brión temos as augas que están entre Soigrexa e Estrar, que teñen propiedades específicas, sobre todo para anemias”. O BNG sumouse á iniciativa, se ben amosou o seu malestar por que a Xunta instalara os carteis sen comunicarllo previamente ao Concello.

Aprobación definitiva dos Orzamentos

Por outra banda, o pleno municipal rexeitou por unanimidade a alegación presentada por un funcionario municipal contra os Orzamentos Municipais de 2016, ao entender que a modificación que solicitaba debe realizarse no marco da actual negociación da Relación de Postos de Traballo, non no proxecto de orzamentos. Deste xeito, os orzamentos do Concello de Brión para 2016 quedan aprobados de xeito definitivo. Uns orzamentos que medran un 8% con respecto aos de 2015 e contemplan un superávit de 106.000 euros, xa que o orzamento de gastos ascende a 5.473.617,78 euros mentres que o orzamento de ingresos é de 5.579.084,57 euros.

Tamén relacionado con temas presupostarios, a Interventora Municipal deu conta ao pleno do Plan Presupostario a Medio Prazo 2017-2019, solicitado polo Goberno Central ás entidades locais para establecer os seus cálculos de déficit público para os próximos anos. Segundo explicou a Interventora brionesa, se manteñen as liñas de anteriores orzamentos, mantendo as taxas e os investimentos e prevendo un incremento do gasto corrente e dos ingresos.

O resto da orde do día aprobouse por unanimidade. Así acordouse un expediente de recoñecemento extraxudicial de crédito de 3.132 euros para poder abonar catro facturas correspondentes ao orzamento de 2015 pero que se presentaron en 2016. Tamén se correxíu un erro no Regulamento da Escola Infantil Municipal, xa que non se recollían as puntuacións polas situacións laborais das persoas solicitantes. Finalmente, acordouse unha rectificación do Inventario Municipal de Bens, despois de que en 2015 se rexistraran unhas altas por valor de 652.656 euros e unhas baixas de 10.529 euros. En total, o Inventario Municipal de Bens do Concello de Brión a 31 de decembro de 2015 é de 35,7 millóns de euros.

Renuncia concelleira

Por último, Patricia Agrafojo Lois presentou a súa renuncia como concelleira do Partido Popular por motivos persoais e laborais. O alcalde brionés aproveitou para “agradecerlle a Patricia todo o traballo que fixo polo Concello de Brión e desexoulle moita sorte no persoal e no profesional”. Pola súa banda, Patricia Agrafojo agradeceulle á corporación municipal “o bo trato recibido durante todo este tempo”. A concelleira popular será substituida no seu cargo polo número tres da lista do PP, Saturnino Abete Redondo, que tomará posesión na próxima sesión plenaria.

Ningún comentario: