O concelleiro de Saúde Pública advirte de que as novas citas se están derivando para o CHUS. Nicolás González Casares reclama que se ofreza este servizo cinco días á semana e non só dous, como sucede dende a xubilación do oftalmólogo
O Goberno municipal reclámalle á Consellería de Sanidade que non desmantele a consulta de oftalmoloxía no ambulatorio de Lalín. O edil de Saúde Pública lanza esta esixencia despois de ter coñecemento de que os pacientes que solicitan novas citas para esta especialidade se están a derivar para o CHUS. Nicolás González Casares explica que esta situación se está a dar tras a xubilación do oftalmólogo do ambulatorio. Dende que se produciu este feito, as citas que xa estaban outorgadas estanse a atender no ambulatorio, pero só dous días á semana. O concelleiro indica que “son as novas citas, as que se están a solicitar agora, as que se están a dar para o hospital de Santiago”.
O edil considera que esta situación “deixa en evidencia a intención da Consellería de Sanidade, que non cubrir a praza de oftalmólogo”, co cal o centro de saúde de Lalín “quedaría sen un servizo que se estaba a prestar cinco días á semana dende hai máis de 20 anos”. Casares considera que se trata dunha decisión “inadmisible” e que afondaría na perda de servizos sanitarios esenciais para un municipio que, ademais, é cabeceira de comarca.
Ao mesmo tempo amosa que o Partido Popular de Lalín “segue a estar completamente desorientado” sobre cales son as verdadeiras necesidades do concello en materia sanitaria. Por outra banda, Nicolás González Casares afirma que esta actitude demostra que a reunión que mantiveron algúns dos seus membros co conselleiro hai unhas semanas non serviu absolutamente para nada, agás para “constatar a falta de vergoña política dunha administración que segue sen cumprir os seus compromisos con Lalín”.
Neste sentido, Nicolás González Casares lembra que a Xunta segue sen dar resposta a algunhas das importantes demandas que se lle levan reclamado dende o concello nos últimos meses. Entre elas, fai mención á demanda dunha nova ambulancia medicalizada, a reposición dos médicos xubilados, a cobertura total das baixas de enfermería e as reformas estruturais pertinentes do ambulatorio e ao seu mantemento mentres non se dea resposta a unha reivindicación fundamental: a construción do CAR.
Ningún comentario:
Publicar un comentario