Ames Novo propón a Contigo Pódese e BNG-Asembleas Abertas converter a marea de cambio nun auténtico goberno cidadán
A cidadanía decide
A iniciativa cidadá Ames Novo realizou unha asemblea aberta este luns día 1 de xuño para analizar os resultados das eleccións e definir a liña a seguir na conformación do novo goberno. Esta concorrida asemblea mantivo un fluído debate e un alto grao de acordo entre os participantes, entre os que mesmo participou xente que declarou non ter votado a Ames Novo pero quería participar como cidadán das decisións da Iniciativa. A nosa proposta está permanentemente aberta á deliberación e decisión da cidadanía amesá.
Marea de cambio
Ames Novo considera que a sociedade amesá optou por un cambio profundo que deixe atrás as vellas formas de comprender a política e os gobernos. O 24 de maio asistimos a unha derrota sen paliativos do PP e da dereita, ao tempo que unha derrota contundente do bipartidismo. En todos os casos, ben se analice polo lado do Partido Popular, do conxunto da dereita (incluíndo PxA), ou do Partido Socialista colleitaron os seus peores resultados en Ames.
Isto contrasta co grande éxito das iniciativas cidadás que propoñen desde a esquerda unha nova forma de comprender a política, apostando polo protagonismo cidadán. A suma dos resultados de Contigo Pódese, o BNG-Asembleas Abertas e Ames Novo ascende ao 40,9% e, incluíndo ao Partido Socialista, o voto de esquerda significa un 59,13%
Novo escenario, novas oportunidades
Estes resultados de Ames deben ser interpretados no marco da tendencia de cambio acontecido nas principais cidades galegas e españolas. Ames Novo comprende estes resultados como unha chamada da cidadanía para viabilizar un cambio político que vaia moito máis alá da remuda de caras e o reparto de cadeiras.
Ao noso xuízo este escenario merece xenerosidade e altura de miras, e non un simple apaño entre forzas políticas de esquerda para saír do paso e repartir cromos. Ábrese un tempo novo no que debemos alentar o encontro das propostas políticas que buscan un cambio real en Ames, situando á xente en primeiro termo e no que a cidadanía decida. Primar o que nos une antepoñendo os intereses da maioría social e da unidade popular aos protagonismos das siglas ou organizacións. Aínda estamos a tempo de dar resposta a este clamor cidadán; no seu momento non fomos capaces de confluír nunha proposta electoral conxunta pero agora estamos a tempo de constituír un auténtico goberno cidadán á luz dos resultados.
Goberno cidadán
Ames Novo propón a Contigo Pódese e ao BNG-Asembleas Abertas a conformación dun auténtico goberno cidadán que recolla a onda xeral de cambio. Reiteramos a chamada a constituír un polo da esquerda transformadora que lidere o cambio. Entendemos que o goberno debe incluír as outras forzas políticas de esquerda como o Partido Socialista, pero sen naturalizar que o goberno sexa encabezado polas opcións máis castigadas nas eleccións.
Non se trata de confluír arredor de ninguén senón dunha proposta programática de cambio real baseada nos eixos da participación e a capacidade de decisión cidadá, as políticas sociais de rescate ás persoas ante a crise, a asunción dun estrito código ético de rexeneración democrática que sitúe en primeiro termo a transparencia e a rendición de contas públicas, así como a defensa do público e a recuperación para a xestión municipal de servizos privatizados.
Emprazamos a Contigo Pódese e BNG-Asembleas Abertas a explorar conxuntamente e en diálogo coa cidadanía as fórmulas que nos permitan constituír un verdadeiro goberno de cambio en Ames, un goberno cidadán. Construír en común unha nova ilusión e situarnos á altura do desexo maioritario da cidadanía de Ames.
Ningún comentario:
Publicar un comentario