A Casa das Crechas abre a programación de xuño cun concerto este mércores do popular cantautor español Luis Pastor, que nos presentará o seu último e vixésimo segundo disco, ‘¿Qué fue de los cantautores?’.
Pasaron xa catro décadas e 20 discos desde os seus comenzos e, xa pasados os 60 anos, Luis Pastor (Cáceres, 1952) mantense leal ao título do seu primeiro traballo, Fidelidad, a unha actitude, a uns principios, a un compromiso e a un xeito aberto de facer música. ¿Qué fue de los cantautores? é un reflexo desta fidelidade e, ao mesmo tempo, unha homenaxe e un agradecemento aos que se foron, como deixa patente na dedicatoria do álbum: “A todos os compañeiros que xa non están, pero que nos deixaron o seu exemplo, o seu compromiso e as súas cancións: Ovidi Montllor, Carlos Cano, Chicho Sánchez Ferlosio, Hilario Camacho, Imanol, Labordeta, Quintín Cabrera, Mikel Laboa...".
Neste disco o cantautor extremeño dá un repaso, en todos os sentidos, á historia da canción de autor desde os seus comezos nos 60 (“Éramos tan libertarios, casi revolucionarios, ingenuos como valientes, barbilampiños sonrientes…”) ata hoxe (“…Hay cantautor para rato. Cantautor a tus canciones, Zapatero a tus zapatos”) nunha canción lúcida, realista sen perder o sentido do humor e verdadeira crónica social dun tempo e dun país tantas veces ingrato e inxusto coa súa cultura.
A canción ‘¿Que fue de los cantautores?’ percorre medio século da canción de autor en España sen deixar títere con cabeza, co orgullo do resistente e poñendo os puntos sobre os is en forma de verdades como puños. Sen nostalxias nin amarguras, asumindo o rol e sempre mirando á fronte con esperanza, pero chamándolle ao pan, pan, e ao viño, viño.
Ningún comentario:
Publicar un comentario