Casa da Troia - Este venres reabre o museo

O Museo Casa da Troia volve abrir as súas portas durante o verán, dende este venres día 5 e ata finais de setembro. Ao longo do mes de xuño e ata mediados de xullo poderá visitarse os venres e os sábados; os venres en horario de 11:00 a 14:00 horas polas mañás e de 16:00 a 22:00 horas polas tardes e os sábados de 11:00 a 14:00 horas e de 16:00 a 20:00 horas. O resto do verán o museo abrirá no seu horario habitual.

Este sábado a asociación cultural San Martiño Pinario celebra a terceira edición da Festa da Memoria 50 Anos Aló, unha xornada lúdica dedicada aos anos sesenta e setenta. Con motivo destes festexos, a entrada á Casa da Troia será gratuíta para todos os visitantes que se acheguen vestidos da época.

O presidente da Asociación de Antigos Tunos Composteláns, Benigno Amor, manifesta que “este ano estamos a facer un esforzo especial para ampliar a temporada de apertura do museo no verán con motivo da conmemoración do centenario da publicación da novela de Alejandro Pérez Lugín La Casa de la Troya”.

“Hai moita xente que nos pregunta a través das redes sociais pola reapertura do museo e teñen interese en vir a Santiago a visitalo” -destaca Amor-. O presidente da Asociación de Antigos Tunos salienta “o compromiso das dúas guías da Casa da Troia como unha parte fundamental do éxito do museo”.

Visitas dramatizadas durante todo o verán
O Museo Casa da Troia tamén abre as súas portas en Semana Santa pero é nos meses de verán cando acolle unha maior afluencia de público, tanto por parte dos turistas de diferentes nacionalidades coma dos propios composteláns. En concreto, recibe unhas trinta visitas diarias e a cifra de visitantes estranxeiros representa o 20 por cento do total. 

Ofrécense percorridos guiados en galego, castelán ou inglés pola antiga pensión de estudantes que inmortalizou Alejandro Pérez Lugín na súa célebre novela de 1915. E tamén se manterán as xa habituais visitas dramatizadas, de xeito que revivirá a figura de Dona Generosa, a patroa da vella pensión estudantil. No mes de xuño e ata mediados de xullo estas visitas teatralizadas terán lugar os venres ás 11:00 e ás 21:30 horas e os sábados ás 11:00 horas. Poden concertarse visitas para grupos chamando ao teléfono do Museo: 981 585 159.

Ningún comentario: